«Os sentinazos vense cada vez máis porque a vixilancia aumentou»

La Voz

BARBANZA

16 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Salvamento Marítimo encárgase tamén desde a base do monte Enxa de controlar a contaminación no mar, un tema especialmente sensible dende o Prestige.

-¿Segue a haber sentinazos na costa?

-Estamos aínda avaliando as estatísticas, pero dáme a impresión de que están diminuíndo. Cada vez vense máis, pero non porque haxa máis, senón porque a vixilancia aumenta. Hoxe as tecnoloxías permiten unha visión case continua do mar. Temos dous sistemas de control, un por satélite e outro co avión Sasemar 102, con base en Santiago, que sae case todos os días e é un dos mellor equipados de Europa na detección de contaminación. Non importa que estea nubrado ou chova. Detecta igual as manchas e na maioría dos casos determinamos de quen proceden.

-¿E pódese sancionar facilmente a un barco que teña bandeira, por exemplo, nas Bahamas?

-Se é en augas internacionais, a xurisdición é do país do que ten bandeira, pero se é nas 200 millas, quen ten capacidade de actuar é España. O ano pasado dous ou tres barcos foron levados a porto por ese motivo e as penalizacións son importantes. Sempre hai recursos administrativos e xurídicos para coller aos autores.

-Hai uns anos ás boliñas de chapapote eran habituais nas praias. Hoxe é raro que se vexan.

-Desde o ano 1973, co convenio de Marpol, está prohibido verter ao mar calquera tipo de contaminación. Os sentinazos que hai hoxe practicamente non chegan á costa. En xeral compóñense de perdas que hai nas máquinas, como gasóleo, gasolina e aceites. Non solen durar máis de seis horas antes de disolverse. O problema é cando o que os fai é un barco que funciona con fuel pesado. Ese si pode formar galletas que cheguen á costa.

-¿Sanciónase moito por ese motivo?

-Pois no 2009 foron un total de nove barcos, 14 no 2010 e no que levamos de ano van oito.