«As traducións ao galego son boas porque se fan por amor ao arte e non por beneficios»

La Voz

BARBANZA

25 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Afeccionado a tódalas artes, Laíño asegura que non se perde un xoves de cine «é como unha ventá que che abre a outras cousas. A verdade é que temos visto películas abominables», e que non ve a televisión «se iso, un partido de fútbol ou algunha película raramente».

-¿Non se anima a escribir?

-Non son escritor, eu presumo de ser un bo lector e de ter uns intereses moi variados. Penso que non teño talento para escribir, son máis orador. Gústame o cine e a música. O cine é unha diversión que me distrae moito, teño unha cita fixa tódolos xoves a iso das once da noite con outros dous profesores, no cine de Ribeira. Un libro malo ponme moi nervioso, unha película se é mala faime rir.

-¿Que lee?

-Sobre todo, literatura galega e literatura universal en galego. Sigo a portuguesa, francesa ou a española, iso si, non ao detalle como a literatura galega. Gústame ler sobre temas relacionados coa historia, a cultura popular ou suplementos culturais. E son un grande afeccionado á etnografía.

-¿Por que lee literatura doutros países traducida ao galego?

-Porque para que unha lingua sexa culta necesita de traducións. Ademais, son tan boas como as que se fan ao español ou a outra lingua calquera, porque neste caso fanse por amor ao arte e non por beneficios económicos. Enriquecen ao galego e a nosa cultura intelectual. Debemos ver aos tradutores como un novo escritor. A veces, actualizan as obras dos autores con un enorme respecto.

-¿Que cree que sería preciso para conseguir elevar a cultura galega?

-O simple compromiso de cada galego e galega co seu idioma e cultura serían suficientes para que ocupase o lugar que lle corresponde no mundo e non sufrise marxinacións.

-¿Que prefire un bo libro ou unha boa película?

-Un bo libro. Sen a televisión xa case vivo, e penso que podería vivir sen a música e incluso sen as miñas sesións de cine, pero custaríame moito facelo sen a lectura. Por sorte, nada é incompatible e todo se pode compaxinar.