«Sempre soñei con ser cura no Barbanza, porque me encanta»

Paula souto RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O relixioso foi recibido cunha festa polos seus novos fieis

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

David mohedano MIRA PÁRROCO dE nosa señora do carme de aguiño

«Un señor maior achegóuseme para pedirme que lograse un pobo unido novamente»

Naceu en Vimianzo, pero dende pequeno, David Mohedano estudou en A Coruña. Tras exercer como sacerdote en varias parroquias e impartir clases de relixión no Seminario Menor en Santiago ofrecéronlle facerse cargo da igrexa de Nosa Señora do Carme de Aguiño debido a que o anterior párroco, Álvaro Barros, marchou hai algo máis de cinco anos. Foi recibido con bombas de palenque, un grupo de gaiteiros e unha festa de benvida.

-Aguiño esperaba un sacerdote con moitas ansias. ¿Como o recibiron?

-Déronme a benvida cunha gran festa por todo o alto que me deixou alucinado. A igrexa estaba chea de xente. Mostráronme moito cariño desde o principio. Ata un señor maior achegóuseme para pedirme que lograse un pobo unido novamente. Agradécese unha acollida así por parte do pobo.

-¿Que pensou cando soubo do seu novo destino?

-A xente que me coñece sabe que sempre soñei con ser cura no Barbanza, porque me encanta esta zona. Para min foi un regalo. Estou feliz, é unha vila marabillosa. Se as cousas van ben, non me importaría quedarme aquí para sempre

-¿Que mensaxe lle gustaría transmitir aos seus fieis?

-Que non se poñan obstáculos para descubrir a Cristo. Esta casa está aberta para recibir a todo o mundo, sobre todo aos que máis o necesitan e que poidan saciar aquí a súa sede.

-Analizando a sociedade actual, ¿pensa que a Igrexa precisa unha renovación?

-A Igrexa ten un mensaxe esixente pero claro. Pero penso que nas formas debería facerse unha remodelación. Eu na Igrexa sempre me sentín acollido, e das institucións máis plurais na que nos une a todos unha mesma fe.

-¿A relixión católica é tradición ou tradicionalismo?

-A tradición é a fe viva dos mortos e o tradicionalismo é a fe morta dos vivos. A veces o que vemos nas igrexas son tradicionalismo e non tradicións que é o que realmente se quere transmitir e debería prevalecer. Pero, a Igrexa como é plural encontrámonos grupos para todos os gustos: os tradicionais e os máis innovadores.

-¿E vostede é tradicional ou innovador?

-Sempre hai que ser innovador. A veces noto en falta na Igrexa algo distinto que sei que existe. E como sei que o hai, gustaríame que se mostrase máis

-¿Existen tentacións?

-Sempre. Hai momentos nos que un se sente confundido. A fe é confianza. Ata Cristo tivo tentacións, polo que isto te tranquiliza moito. As tentacións son probas para fortalecer a un, nas que enseguida recapacitas.