«Os amigos agradecen ter un compañeiro relixioso»

La Voz

BARBANZA

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Con só 15 anos, David Mohedano descubriu que o seu camiño estaba unido ao de Deus. Estudaba no internado da Escola Laboral de A Coruña cando o comprendeu, dou resposta aos seus anhelos e encontrou a ansiada felicidade que as persoas buscan na Igrexa católica.

-¿Como descubriu a súa verdadeira vocación?

-Foi a raíz dunha confesión cun cura no internado. Estaba nun deses momentos nos que che xorden certas dúbidas. Grazas a el descubrín a fe e ao que quería dedicarme no futuro. Ao rematar bacharelato fun ao Seminario Maior. A partir de aí foi un percorrido de descubrimento de Cristo.

-¿Que pensaron os seus compañeiros do colexio?

-A maioría dos amigos non me creron ata que me viron coa vestimenta de sacerdote, e algúns ata que me viron na consagración do sacramento da ordenación sacerdotal. A día de hoxe, agradecen ter un compañeiro relixioso.

-¿Como recorda a súa época de estudante na Laboral?

-Para min foi unha das épocas máis bonitas da miña vida. Gardo moi bos amigos do internado cos que compartín moitas cousas e moitos anos ao seu carón. E, como pasa sempre, a outros perdinlle a pista cos anos ou sei deles un pouco por oídas e por outros compañeiros.

-¿Como tomou a súa familia a decisión de converterse en sacerdote ?

-Tomárono moi ben e apoiáronme cando tomei a decisión. Tanto meu pai como miña nai son moi relixiosos e sempre nos educaron conforme aos valores cristiás. Cando comecei a comentalo na casa dicíanme que xa se vería co tempo. Son felices de que eu sexa o que quería ser. En canto a meus irmáns, somos moi diferentes, pero respectan a miña elección.