«O soño de todos aos que nos gusta cantar é vivir da música»

Iria Quintáns aínda non acadou a maioría de idade e xa conta con diversos premios obtidos en festivais


Mazaricos / La Voz

Pese a súa xuventude, ten tan só 17 anos, esta moza de Mazaricos, Iria Quintáns, xa pode considerarse toda unha veterana sobre os escenarios. De feito, leva varios anos cantando en todo tipo de festivais e certames musicais, así como acompañando, puntualmente, a algunha das principais orquestras de Galicia. A pasada semana logrou en Viveiro un accésit na edición número vinte do Festival da Canción do Landro, un dos que conta con maior proxección e repercusión dentro da comunidade para os artistas que empezan a buscar un oco no panorama musical.

-¿Que sentiches cando soubeches que estabas entre o trío gañador dun certame tan prestixioso como é o do Landro?

-Pois a verdade é que sentín unha alegría inmensa. Cando se deu a coñecer o resultado final e me nomearon entre os tres primeiros non mo podía nin crer, porque o do Landro é un certame con artistas de moitísimo nivel. Foi unha emoción inmensa, un momento que tardarei tempo en esquecer.

-Aínda que ti xa estás case habituada a obter bos resultados nos concursos aos que te presentas.

-Bueno, tampouco me podo queixar, aínda que o certo é que non se pode dicir que sexa moi asidua aos concursos. Na edición deste ano quedei primeira no Festival da Canción do Xallas, no que xa fora finalista o ano pasado. Os estudos, que neste momento son o primeiro, tampouco me deixan moito tempo libre para poder asistir a este tipo de certames.

-¿Que cancións interpretaches en Viveiro?

-O proceso de selección no Landro comeza co envío dunha maqueta con cinco cancións, das cales tes que elixir dúas para interpretar en directo o día do festival coa orquestra do concurso. Eu escollín Te dejé marchar, de Luz Casal, e Si estoy loca, de Malú.

-¿Xa sabes que vas facer cos 600 euros do premio?

-En principio gardalos. A miña ilusión sería poder gravar un disco no futuro así que de momento vou ter que ir aforrando para poder conseguilo.

-¿Es autodidacta ou tes algún tipo de formación musical?

-Era autodidacta ata fai un par de anos, cando empecei a estudar canto moderno na Escola de Músicos da Coruña. Neste mundo, coma no resto de facetas da vida, é necesaria a formación para mellorar distintos aspectos, algo que de xeito individual resulta complicado de conseguir. A verdade é que agora son capaz de aproveitar potencialidades da miña voz que ata o momento ou ben non sabía que tiña ou non era capaz de explotar por min mesma.

-¿Con que estilo musical te sentes máis cómoda sobre o escenario?

-Non me identifico con ningún en concreto. Á hora de interpretar unha canción adáptome a calquera estilo, aínda que teño que destacar que o meu gusto particular tira máis pola música pop. Supoño que nisto terá algo que ver a miña idade e a música que escoito habitualmente nos ambientes nos que me movo.

-¿Cales son os teus grupos ou artistas musicais preferidos?

-Uf, esta si que é unha pregunta moi complicada, tendo en conta que os meus gustos son moi amplos e diversos. Dependendo do momento e do estado de ánimo escoito música dos estilos máis variados, aínda que os artistas que máis me inspiran á hora de cantar e interpretar son Whitney Houston, Malú, Alejandro Sanz ou Tina Turner.

-¿Plantéxaste o teu futuro profesional ligado ao mundo da música?

-Por suposto que me encantaría vivir da música, ese é o soño de todos aos que nos gusta cantar. Dende moi pequena gozo con este mundo como algo máxico, relaxante e incluso formativo. O meu soño sería poder dedicarme plenamente a isto e ter moitos seguidores aos que lles gustara a miña forma de cantar e interpretar. Sei que isto é moi complicado de conseguir e que hai que traballar moito e moi duro. Neso ando con todas as miñas forzas e ilusión.

Iria Quintáns París Cantante

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O soño de todos aos que nos gusta cantar é vivir da música»