«Teño o típico caderno enriba da mesa de noite por se me asaltan as ideas en soños»

La Voz

BARBANZA

07 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio Piñeiro compaxina a súa faceta literaria coa labor de profesor de historia no instituto de Coroso. Profesión que lle axuda a atopar temas nos cales inspirar a súa escritura.

-¿Ata que punto lle axudan os seus coñecementos de historia para escribir?

-Sinceramente, axúdanme moito. A formación de cada un dá moita facilidade para ter unha base sobre a que escribir. Ademais, ao saber de historia o campo sobre o cal actuar é moito máis amplo.

-¿E que temas son os máis recorrentes para vostede?

-Non os teño establecidos. Hai historias que nacen por un final, outras por unha palabra, unha idea que vai mudando ou mesmo hainas que nacen de golpe. Así se fala dos típicos momentos creativos que ninguén cre pero que están estudados. Ao mirar pola fiestra do coche ou do autobús, ao durmir... (rise). Eu teño o típico caderno enriba da mesa de noite por se me asaltan as ideas en soños.

-Da súa forma narrativa, ¿cal diría que é o seu trazo particular?

-Sen dúbida, o uso do adxectivo. A xente que se dedica a escribir está a escapar del, pero eu mantéñoo porque creo que é onde fica realmente o estilo propio. Serve para adornar o texto e facer que non quede como unha literatura fácil e simple.

-Entón, ¿considera que a literatura fácil non é literatura?

-Oxalá que a literatura fuxa do territorio da facilidade porque a súa misión é sempre enriquecedora. Ten que aportar sempre cultura. A xente que ten medo vai coa corrente, ¿lévase o simple? Pois facemos literatura simple, pero o que realmente che fai ser sublime é a diferenza. Por isto eu sempre digo que hai que buscar o excelente das cousas que se fan.

-¿A literatura simple pode conseguir que a xente se anime a ler?

-Si, quizais estamos diante dun reducionismo literario porque o complexo non interesa. Quérese ler máis comodamente pero eu creo que isto vai cambiar co libro electrónico. Optarase pola escritura complexa porque se ampliarán horizontes e posibilidades. Vaise a permitir a chegada a un público universal.