Empezou moi novo, con 17 anos, a involucrarse na defensa do galego e desde aquela, Carlos Callón xa non puido abandonar a loita. Houbo dous feitos que o impulsaron a sumarse á Mesa pola Normalización Lingüística: «Viña de ler Sempre en Galiza, un libro que me impactou porque nos primeiros capítulos falaba da necesidade de actuar socialmente para resolver os problemas. Coincidiu que o goberno de Fraga expedientou ao colexio de Palmeira por impartir clases en galego e decidín que era o momento de actuar».
E así, ata hoxe, cando o ribeirense está a piques de cumprir unha década á fronte da Mesa. Ao longo deste tempo, Callón sinala que o maior logro é seguir aí: «Tendo en conta que é a asociación cultural con máis socios de Galicia e que levamos dous anos sen percibir un euro de axudas da Xunta, existir é o logro máis importante».
Os fracasos superan con creces aos logros, pois o ribeirense sinala que o galego sufriu retrocesos en todos os eidos, sendo o do ensino o máis significativo: «É a primeira vez que unha lingua é atacada deste xeito en España». Tal é a situación que Carlos non dubida en afirmar que «o noso idioma está nunha encrucillada, se non se actúa na súa defensa córrese o risco de perdelo nun futuro próximo».
Para darlle o xiro necesario ao futuro, o escritor soña «con que poidamos vivir en galego en Galicia. Se alguén pensa que hai liberdade lingüística, anímoo a que probe a vivir en galego, comprobará que é imposible».