Incisivo nas súas argumentacións, o presidente de Cogami non oculta a realidade e recoñece que hai situacións moi duras.
-¿Cales son os principais problemas aos que se enfrontan?
-Unha loita permanente de Cogami é que as persoas que viven no medio rural teñan as mesmas oportunidades que os veciños das cidades. Hai que achegar os recursos ao seu entorno.
-O medio rural sempre ten máis carencias que as cidades, en calquera cuestión.
-Nós temos que paliar eses déficits, o noso traballo céntrase no medio rural. Estas persoas teñen o dobre de dificultades e non che digo nada si se trata de mulleres, que nese caso os problemas triplícanse. O que non pode ser é que no século XXI, un cidadán con discapacidade non teña asegurada a súa inclusión no ensino ordinario. Non teñen nin transporte adaptado. O feito de non posibilitar o acceso dun rapaz a un colexio conduce ao illamento.
-Estase traballando na eliminación de barreiras arquitectónicas, pero supoño que falta moito e que hai posibilidades de mellorar.
-É certo que se deron pasos. Por exemplo, Ribeira arquitectonicamente era unha xungla, era imposible baixarse nun paso de peóns. Hoxe pódese percorrer todo o concello practicamente sen dificultade. Para min foi unha satisfacción persoal. Na bisbarra barbancesa hai concellos con capacidade para facer cousas. Eu entendo que hai moitas cousas que se fixeron mal no seu momento e non resulta doado desfacelas, pero no que se constrúe de novo non hai escusas. Pasa, por exemplo, cos parques infantís. Nun recinto de xogos adaptado pode divertirse un rapaz con discapacidade e un que non a teña. Parece que sempre estamos pedindo cousas, pero o certo é que estamos reclamando uns dereitos.
-¿Acostuman os concellos consultalos cando se dispoñen a facer reformas en materia de accesibilidade ou antes de acometer un proxecto urbanístico?
-Cústalles facelo, aínda non é unha cuestión que estea estendida. Sen embargo, teño que dicir que se mellorou moito neste aspecto.