«É un erro prescindir laboralmente dunha persoa con discapacidade»

Ana Gerpe Varela
ANA GERPE RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Asegura que se fixo moito, pero recalca que o camiño que falta por andar aínda é moi longo. Ao que máis lle teme son a posibles recortes motivados pola crise

26 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns meses que renovou o seu cargo como presidente de Cogami e o barbancés Anxo Queiruga móstrase firme, decidido a lograr a igualdade real das persoas con discapacidade e a impoñer o concepto de que non se poden tomar decisións para quen sofre diversidade funcional sen contar con el.

-¿Os gobernos implícanse na atención ás persoas con diversidade funcional?

-Non o que deberían, nin moito menos. Existe unha percepción de que non se corresponde coa realidade. As políticas de discapacidade son unha cuestión transversal. Cando dende os gobernos municipais se fan os plantexamentos hai que ver ás persoas, e non unha cadeira de rodas. Os políticos teñen o concepto de que fan algo para un colectivo, cando realmente fan as cousas para a sociedade.

-¿O primeiro sería un cambio de mentalidade?

-Facer cuestións específicas para persoas con discapacidade non é integrador. Os políticos deben darse conta de que un cidadán con diversidade funcional ten os mesmos dereitos que o resto. Non podes tomar decisións para alguén con discapacidade sen contar con el, e iso está pasando. Hai que cambiar o concepto. Cando se alude a cuestións sociais fálase de gasto, pero en materia de estradas, por exemplo, fálase de investimentos.

-¿Un dos maiores problemas é a integración laboral?

-As persoas con discapacidade representan en Galicia o 15% da poboación e é un erro prescindir laboralmente delas. Investir na súa autonomía persoal é positivo porque iso permítelles traballar e obter uns ingresos e non depender das axudas sociais. Ambar fixo un programa no que formou a auxiliares administrativos. Durante os catro meses nos que realizaron prácticas nos concellos todo foi fantástico, dicíannos que eran os mellores traballadores. Cando chegou o momento de contratalos, nin o primeiro. En Boiro temos a 27 traballadores porque pelexamos por elo cando saíu o concurso para a recollida de cartón e o punto limpo.

-¿Hai moitos demandantes de emprego nesta bisbarra?

-Na actualidade temos a 754. Polo que atinxe ás insercións laborais, durante o ano pasado fixéronse 80 e no que vai deste levamos 34. A verdade é que pouco a pouco vanse conseguindo cousas, pero non é menos certo que aínda queda un longo camiño.

ANXO QUEIRUGA PRESIDENTE DE COGAMI