«O Antigo Exipto era o país máis civilizado do planeta»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

24 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai xa máis dunha década que Luis González pasa parte do seu tempo libre estudando a historia de Exipto. Co fin de compartir os coñecementos adquiridos ao longo dese tempo e a gran paixón que el sinte por esa cultura, ofreceu varias conferencias e mesmo participa cada xoves no programa Milenio, da Radio Galega. A maiores, ven de publicar un libro, Todo lo que debe saber sobre el Antiguo Egipto, baixo o paraugas da editorial Nowtilus. Unha obra que se presenta como un compendio das teorías dun nutrido grupo de especialistas na materia.

-¿Como foi a xestación deste volume?

-Xa viña mascando a idea desde hai tempo, o que pasa é que as editoriais que toquei querían agardar, pois a venda de libros está estancada. Logo contactei con Nowtilus e xa foi todo o proceso rápido. A xestación en si foi a través das conferencias no Ateneo e das intervencións en distintos programas.

-¿Que foi o que prendeu en vostede a chama da paixón por Exipto?

-Pois foi hai uns doce anos, cando lin un artigo sobre a gran pirámide. Causoume moita sensación o feito de que seguirA en pé tres mil anos despois mentres, por exemplo, as construcións castrexas están moi deterioradas. Empecei a darme conta de que, tecnoloxía aparte, hoxe non nos diferenciamos tanto dos homes que vivían daquela.

-¿Con que obxectivo se lanzou a escribir este libro?

-Penso que o importante é que concentrei as teorías que están espalladas en máis dun cento de obras, moitas delas, claro está, discordantes. Do que se trata é de expoñelas para que o lector extraia as súas conclusión.

-¿Que é o que máis lle fascina de Exipto?

-O sistema de vida en xeral. Hai que ter en conta que hai cinco mil anos, as mulleres de Exipto xa vivían en situación de igualdade e algunhas incluso rexentaban negocios e estaban nun nivel de superioridade con respecto aos homes. Ademais, as leis, polo menos no papel, eran sagradas e impedían os casos de inxustiza e corrupción. O Antigo Exipto era o país máis civilizado do planeta.

-Vostede fixo toda esta investigación sobre Exipto sen ter viaxado alí, ¿non é un contrasentido?

-Pode parecer raro, pero tampouco é inusual. En exiptoloxía hai un montón de nomes que saltaron á fama sen ter pisado o país. Penso que non é estritamente necesario.

-Sen embargo, ¿é a súa ilusión viaxar alí?

-Por suposto, pero non só unha vez, moitas. Exipto non escapa do sitio e se o meu destino é viaxar alí, fareino.

-¿Por onde comezaría o seu percorrido?

-Sempre dixen que o día que viaxe a Exipto fareino cunha mochila e cunhas sandalias novas, pateando. Supoño que empezarei polas pirámides.

-¿Ten vostede algunha teoría sobre o método de construción das pirámides?

-Non. Eu coido, como pensan algúns exiptólogos, que nos empeñamos demasiado en complicalo todo, pero seguro que a resposta é máis sinxela do que parece. Penso que a solución está diante dos nosos ollos, o que ocorre é que somos incapaces de vela porque non podemos pensar como o facían os antigos exipcios.

-O ano pasado organizou a primeira xornada do misterio en Barbanza, ¿haberá unha segunda edición?

-A min gustaríame que así fose, o que ocorre é que nestes intres, de xeito temporal, non estou vivindo en Ribeira, polo que hai unha pequena paréntese. No momento no que regrese á cidade, a miña idea é retomar aquela iniciativa, que resultou moi interesante.