«Con 20 anos collín o InterRail e marchei na procura de mestres»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Percorreu Europa traballando e agora ten varios proxectos en Galicia

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Penso que o de ser profeta na terra é algo que custa, aquí e tamén fóra»

Poucos barbanceses poden presumir de ter chegado tan alto no eido musical como Diego García Rodríguez (Escarabote, 1976). O certo, é que el tampouco o fai a pesares de ter un currículo deses que impresionan, pois dirixiu orquestras en media Europa e, nestes intres, traballa, batuta en man, en Londres. Aínda que semella que primeiro descubriron o seu talento fóra de España, tamén aquí está, agora mesmo, inmerso en varios proxectos de calado. Un deles, á volta da esquina, pois dirixe A ópera dos tres reás, unha peza de teatro musicada capitaneada por Quico Cadaval baixo o paraugas do Centro Dramático Galego e protagonizada por Luis Tosar.

-¿Como se consegue este currículo desde unha pequena vila como Escarabote?

-Pois con moito sacrificio, pero eu non lembro querer ser outra cousa que non fora músico. Na miña familia sempre houbo moita afección, un tío meu tocaba o acordeón, outro a guitarra e miña nai cantaba nas corais. Empecei nunha academia particular de solfexo, despois con Enrique Paisal e logo dei o salto ao conservatorio de Santiago. Aí foi cando realmente empecei a tomar en serio os estudos de música. A miña familia fixo un gran esforzo, porque tiñan que levarme a Compostela un par de veces por semana e esperar a que rematara as clases.

-E a partires de aí, ¿unha carreira meteórica?

-Non foi para tanto, aínda que si foi un proceso que non era habitual naquela época. Cando rematei os estudos de piano, o meu mestre recomendoume ir a Europa. Díxome que alí ía descubrir un panorama musical distinto e así foi. Eu tiña uns 20 anos, collín o InterRail e a maleta e marchei en busca de mestres, defendéndome como podía co idioma. Logo, como sempre me chamara o eido da dirección de orquestra, especialiceime niso.

-Rusia, República Checa, Bulgaria, Francia... ¿Cal é o primeiro recordo que se lle ven á cabeza cando lembra o seu periplo por Europa?

-Sobre todo, o enriquecedora que foi para min esa experiencia, a xente que coñecín e todos os países que tiven a oportunidade de visitar. A nivel máis concreto, a imaxe que se me ven á cabeza é a de Suíza, pois alí estiven dez anos. Alí descubrín outro tipo de música, por exemplo, a contemporánea. Lembro ir todas as semanas á ópera, algo impensable aquí.

-Entre tanta viaxe e preparación, ¿non votaba un pouco en falla ter unha mocidade normal?

-Para nada. É certo que a nosa profesión require moita disciplina e horas de estudo e preparación, pero eu sempre me arranxei para facer tamén actividades de outro tipo. Nos conservatorios todos somos xente nova e, polo tanto, con gañas de pasalo ben.

-A pesares da súa traxectoria, semella que lle custou ser profeta na súa terra, ¿foi así?

-É certo que, despois da miña etapa en Suíza, regresei tentando atopar un traballo no que me gusta, que é a dirección de orquestras. Estiven como mestre de piano no conservatorio de Vilagarcía pero, a nivel de dirección, non se me abriron portas así que, cando me chegou unha proposta para coller a batuta en Inglaterra non o pensei, deixei todo e marchei. Desde hai un ano e medio, vivo en Londres, e foi curiosamente desde que me establecín alí cando empezaron a xurdirme cousas en Galicia e en España. Penso que o de ser profeta na terra é algo que custa, aquí e fóra. En outros lugares de Europa hai máis volume de traballo e, polo tanto, máis posibilidades.

-¿Que o levou a regresar, aínda que sexa só temporalmente?

-Agora mesmo estou a dirixir A ópera dos tres reás, pero hai pouco colaborei coa Real Filharmonía de Galicia. Tamén teño enriba da mesa unha proposta firme para traballar coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

-Pero tamén ten en marcha algún que outro proxecto máis persoal...

-Si, xunto con Nicasio Gradaílle e Luis Soto, puxen en marcha o ano pasado o Taller Atlántico Contemporáneo, o que para min é o proxecto máis ilusionante, porque me permite aplicar todo o que levo experimentado. O martes, sen ir máis lonxe, ofreceremos un concerto na Cidade da Cultura e logo, en xullo, temos unha actuación con Siniestro Total, o que reflicte que estou a falar dunha experiencia moi innovadora. Somos tres músicos que tiñamos moitas gañas de envorcar a bagaxe e aplicala nun grupo propio, no que nós tiveramos todo o poder de decisión.

«O Taller Atlántico Contemporáneo é para min o proxecto más ilusionante»