As luces e as sombras de Airiños, recollidas en 150 páxinas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Un volume repasa a historia da compañía de Asados, de 1933 a 2008

31 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ao longo dos case oitenta anos de traxectoria, foron moitos os obstáculos que tivo que superar Airiños, sobre todo debido aos diferentes escenarios políticos nos que tivo que lidar, pero tamén moitos os bos momentos que viviron as máis de duascentas persoas que formaron parte da agrupación de Asados. Para que esta parte importante da historia de Rianxo non se perda, ven de presentarse un libro que, en 150 páxinas, fai un repaso polos 75 primeiros anos de vida da compañía.

Cadro artístico: Airiños 75 aniversario está estruturado en partes, que se corresponden ás décadas de existencia da compañía. De feito, arranca nos anos trinta, nos primeiros tempos da República, que foi cando o grupo iniciou a súa andaina da man de integrantes do Centro Galeguista de Asados.

A agrupación subiuse aos escenarios coa obra de Dieste A retirada de Napoleón, que despois recuperou no 2008.

Dos anos corenta, o libro fai fincapé nos problemas aos que se enfrontou Airiños despois da paréntese provocada pola guerra civil, pois, a diferenza da década anterior, as mulleres non podían actuar e os homes víronse obrigados a interpretar os papeis femininos.

Proceso de renovación

A luz regresa nos cincuenta coa incorporación de xente nova. Tamén hai cambio na dirección, que é asumida por Ramón Pimentel debido á persecución que sofren os membros do Centro Galeguista de Asados.

Pero o panorama volve a escurecerse nos sesenta, cando Airiños se abre ao teatro de compromiso. A censura continúa nos setenta e, a partir dos oitenta, a compañía de Asados respira. Dispón xa de local, o centro cultural Simón Varela, e afronta novos retos, como a representación de Os vellos non deben de namorarse.

Este repaso pola historia da compañía de Asados compleméntase con imaxes, aínda que das primeiras décadas consérvanse poucas fotos. Os anos corenta, por exemplo, ilústranse cuns libretos manuscritos.

O libro é froito do traballo feito ao longo de catro anos por un equipo capitaneado por Carlos Gey e integrado por Xesús Santos, Xosé Comoxo e Rafael Piñeiro. Está á venda nunha edición de luxo e conta con dous premios de deseño, un estatal e outro de carácter internacional.

E iso que aínda foi presentado o pasado sábado. Ademais de Santos, no acto interviron Xosé Luís Axeitos, Anxo Angueira, Xosé Ricardo Losada, Pedro Piñeiro e Manuel Lourenzo.

presentación literaria