«O cambio de goberno é preciso para empezar a cambiar este pobo»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Transparencia e diálogo son as marcas distintivas que, segundo di a cabeza de lista, diferencian ao seu partido

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

1. Un libro.

«Sempre en Galicia».

2. O seu recuncho preferido.

A Pedra da Moura e as calas xunto á praia de San Antón.

3. Iría á fin do mundo con...

Interésame máis o meu pobo.

4. Un momento inesquecible.

Moitos.

5. Outro para esquecer.

No político, o afundimento do «Prestige» e no persoal, a enfermidade e morte de meu pai.

6. ¿120 ou 110 por hora?

110 ou menos.

7. Unha cor.

Vermello.

8. Un político.

Castelao.

9. Un personaxe histórico.

Castelao.

10. Un escritor.

Manuel María e Rosalía de Castro.

11. ¿O seu deporte é?

Non practico.

12. ¿Ordenador ou caderno?

Ambos.

13. ¿Monte ou praia?

Praia.

14. Actor preferido

Robert de Niro.

15. ¿Que lle preocupa?

A resignación da sociedade ante o momento actual e o futuro.

16. Un desexo imposible.

A igualdade real de dereitos.

17. Ensinanza e sanidade, ¿públicas ou privadas?

Ambas públicas.

Militante no BNG dende o ano 1983, tivo responsabilidades de goberno na etapa do bipartito pobrense e coñece con precisión como se desenvolve a vida municipal. Rosana Pérez afronta a súa cuarta campaña como cabeza de lista avalada polos resultados de citas anteriores.

-O BNG da Pobra asegura que «desta vai».

-Efectivamente, desta vai. Hai catro anos faltáronnos 82 votos para ter a alcaldía e desta vai.

-Pero o reparto agora non vai ser igual porque a corporación perde escanos.

-Imos repartir trece concelleiros e, para todos os partidos, cada escano require máis votos. No 2007 o BNG aumentou en 625 e o PP baixou máis de 400.

-Se chegan ao goberno, ¿que será o primeiro que fagan?

-Unha das primeiras medidas será sentarnos cos provedores, aos que o Concello lles debe tres millóns de euros, para pactar un plan de pagos. Unha das medidas será endebedarnos na cantidade que o departamento de Intervención estime para facer un primeiro pago. Coñecemos casos de pequenas empresas da Pobra que están asfixiadas coas débedas das Administracións.

-Un préstamo para pagar o que se debe, ¿iso non pode hipotecar as inversións?

-Hai que tratar de combinar as dúas cousas, pero, con todo, hai que saber que a época das obras faraónicas acabouse. Hai que atender os servizos básicos. Ademais, o 80% dos cartos que se invisten en proxectos proceden de outras Administracións.

-A Tomada ten industria, crea emprego e, sen embargo, a xente marcha da Pobra.

-É curioso que non gañemos poboación. Temos un problema, o concello carece de servizos como gardería ou centro de día. Moitas parellas empadróanse en Boiro e Ribeira para ter acceso a determinadas prestacións. Para atraer poboación fan falla, ademais, actividades lúdicas, sociais e deportivas. Sobran edificios para facer unha casa da mocidade e actividades.

-Consolidar os postos de traballo tamén formará parte dos plans do BNG.

-Hai que seguir traballando polo macropolígono, xa non só polas grandes empresas que se poidan instalar, senón porque sería interesante a instalación de naves modulares para que poidan comezar a funcionar pequenas empresas. Ao mesmo tempo, nós queremos potenciar a axencia de desenvolvemento local poñendo unha especie de ventaíña de emprego para proporcionar información.

-¿Que perciben entre a cidadanía nos actos políticos que desenvolven?

-Notamos moitas ganas de cambio. Percibimos que a cidadanía cre que o PP xa deu de si todo o que podía e que chegou o momento de variar a actual situación.

-¿Se perden será un fracaso?

-Non. O BNG vai seguir estando aí despois das eleccións. O cambio de goberno é preciso para empezar a cambiar este pobo. É necesario non para o BNG, senón porque este concello estase quedando moi atrás. Sería unha oportunidade perdida.

Rosana Pérez candidata do BNG de a Pobra