Barbanza réndese a Lois Pereiro

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A bisbarra dedicou ao poeta monfortino ducias de actos culturais

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En deixarse a alma nos versos era un dos grandes Lois Pereiro, un dos máximos representantes da Xeración Nós que facía marabillas coa lingua galega. O poeta monfortino recibiu onte o abrazo de moitos barbanzáns nos actos que se repartiron por toda a bisbarra no día das nosas letras. Recitar os seus traballos foi a mellor homenaxe posible, aínda que tampouco faltaron os actos nos que as raíces galegas estiveron ben presentes.

Este é o exemplo da vila noiesa, non se escatimaron as flores para levar a cabo unha ofrenda nos bustos de Avilés de Taramancos y María Mariño, que xa recibiron o seu recoñecemento anos atrás neste día. Un dos momentos máis emotivos do acto chegou cando o artista noiés Serafín Marcos recitou poemas de Pereiro.

Tamén con flores quixeron os membros da asociación cultural O Xeito recordar a Xosé Agrelo na estatua que ten o escritor na alameda de Esteiro.

Pero si houbo un acto capaz de reunir a ducias de apaixonados polas letras galegas ese foi o celebrado na finca do pazo de Goiáns. No programa non faltaron nin as pandereteiras nin os gaiteiros, e a literatura, ademais de no recital de textos do autor monfortino, tamén estivo presente na presentación do libro O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro, coa presenza dos seus autores: José Luis Calvo e Carlos Gegúndez López. Os instrumentos medievais, renacentistas e barrocos do grupo de música antiga Os Menestreis e a artesanía tamén se fixeron un oco na finca.

Defensa da lingua

Un marcado carácter reivindicativo tivo o acto organizado en Ribeira pola asociación Altofalante. Ademais de homenaxear a Pereiro recitando algúns dos seus versos, os membros do colectivo denunciaron coa lectura dun manifesto os ataques que asegura que sufre o galego nestes intres pola sociedade.

En Aguiño, trala resaca dos maios chegou a festa dos máis pequenos. Os inchables e os monicreques ofreceron aos cativos da vila grandes momentos de diversión co telón de fondo do amor pola literatura.

E como a música ten tamén moito de arte, Santa Uxía non quixo esquecer na madrugada do día das letras o Festival dos Maios, que contou coas actuacións de Talón de Akiles, E.K.O.S, Belgastt, Generazión Perdida ou Dúo Alecrín, entre outros grupos locais.