«Desta vez estamos obrigados a gañar e a gobernar en Boiro»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Dieste preséntase como alternativa a un bipartito que «non cumpriu»

14 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Coa bagaxe que dá a experiencia de catro anos na oposición, Juan José Dieste preséntase por segunda vez ás eleccións municipais de Boiro como candidato do PP co listón ben alto. Considera case unha obriga acadar o goberno municipal, un reto que non estará exento de dificultades pero que, en opinión de Dieste, é necesario para Boiro.

-A campaña está xa no ecuador, ¿que sensacións ten a estas alturas?

-Positivas. A xente está moi animada e manifesta a necesidade de cambio, que as cousas están mal, que as súas demandas non están ben atendidas, sobre todo no rural.

-Supoño que este tipo de comentarios dan novos folgos para continuar co maratón de actos da campaña.

-Isto anímanos, e ademais quere dicir que nós tamén fixemos un bo traballo na oposición, a xente está contenta con nós.

-As circunstancias nas que se presenta esta vez e nas que o fixo no 2007 son moi distintas, ¿cando foi máis difícil liderar a candidatura do PP?

-A primeira, porque foi in extremis, presenteime practicamente coa campaña empezada. Pero agora, con catro anos de traballo na oposición, teño máis responsabilidade. Desta vez estamos obrigados a gañar e a gobernar, pero aceptamos esa responsabilidade con orgullo porque Boiro precisa un cambio. Estamos dispostos a asumir todos os retos que se nos presenten.

-¿Cre que a marcha de Chouza, o seu número dous no 2007, lles pasará factura?

-Cantas máis candidaturas haxa máis prexudica ao PP, e UPBoiro, loxicamente, pode prexudicar as nosas aspiracións de ter maioría absoluta. Neste sentido, quero aclarar que o voto útil é o destinado ao PP, porque é a única alternativa que hai para evitar un bipartito ou un goberno tricolor. O PP ten unha única candidatura, que é a única alternativa para que en Boiro haxa un cambio. A presenza deste novo partido o que fai é favorecer que BNG e PSOE poidan formar goberno de novo.

-¿Sería un fracaso para o PP non gobernar?

-Si que o sería. As expectativas son moi boas, nós aspiramos a gobernar, a darlle un cambio a Boiro e a solucionar os problemas dos veciños, que son moi graves. Hai moitas necesidades que cubrir porque o bipartito incumpriu o seu programa por completo, esquecéronse del e cambiárono por outros proxectos que non figuraban no seu programa hai catro anos.

-¿Que lle ofrece o PP aos veciños de Boiro para que cambien?

-Imos solventar os problemas de Boiro, e o primeiro deles é o económico, porque se non o facemos dificilmente poderemos atender as demandas e necesidades dos veciños. Faremos un plan de saneamento, conxelaremos os impostos e promoveremos a implantación de novas empresas no polígono. Dotarase aos núcleos rurais dos servizos básicos e de Internet e telefonía móbil. Tamén levamos no programa a residencia de anciáns, outra gardería, a mellora das fachadas marítimas de Escarabote e Cabo, a rexeneración de Barraña con area natural ou os paseos fluviais pendentes.

-Son moitas cousas.

-Si, sobre todo para os cartos que vai haber. O que temos é que priorizar.

-Todos prestan moita atención ao rural, ¿realmente hai aínda tantas necesidades que cubrir?

-A xente das parroquias séntese discriminada e pide unha serie de servizos dos que carece, de auga a beirarrúas e centros sociais.

-¿Que foi o peor deste mandato?

-A situación de quebra económica, que ven dada pola falta dun liderazgo claro e os intereses encontrados dos dous membros do goberno.

Juan José Dieste Candidato do PP á alcaldía boirense

1. Un libro.

«La catedral del mar».

2. O seu recuncho preferido.

O porto de Escarabote.

3. Iría á fin do mundo con...

Coa miña familia.

4. Un momento inesquecible.

O nacemento dos meus fillos.

5. Outro para esquecer.

A perda de seres queridos e amigos.

6. ¿120 ou 110 por hora?

120.

7. Unha cor.

Azul.

8. Un político.

Rajoy e Feijoo.

9. Un personaxe histórico.

Gandhi.

10. Un escritor.

Dostoyevski.

11. Actor preferido.

Robert de Niro.

12. ¿O seu deporte é?

O fútbol.

13. ¿Telebasura ou grandes documentais?

Documentais.

14. ¿Ordenador ou caderno?

Ordenador.

15. ¿Monte ou praia?

Ambos.

16. ¿Que lle preocupa?

A inxustiza, a pobreza e a guerra no mundo.

17. Un desexo imposible.

Abrazar aos meus avós.

18. Ensinanza e sanidade, ¿públicas ou privadas?

Ambas públicas.