Furacán infantil a prol da cultura

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os escolares son estes días os grandes protagonistas da festa das letras

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Conscientes da necesidade de espallar a cultura entre os máis novos como parte fundamental da educación, os centros educativos de Barbanza están estes días a mergullar aos nenos en diversas actividades vinculadas co Día das Letras Galegas. Trátase dun auténtico furacán que hoxe chegará ao seu punto álxido.

Algunhas das accións que onte se levaron a cabo na comarca teñen a particularidade de que conseguiron implicar á poboación. Un claro exemplo é o que ocorreu na vila noiesa. Uns trinta alumnos do instituto Campo de San Alberto tomaron a alameda da localidade para, armados con xices, deixar a súa pegada nas lousas do chan en forma de versos, correspondentes, como non, a poemas escritos polo vate de Monforte homenaxeado este ano co Día das Letras.

O obxectivo, segundo sinalaron desde o centro educativo, non era outro que espallar a obra de Lois Pereiro, deixándoa a mercé das inclemencias meteorolóxicas, para que fosen a chuvia e o vento os que se encargaran de borrar esta pegada. Con esta acción, o Campo de San Alberto quixo sumarse a Vento Lois, un programa de carácter internacional que pola noite tivo a súa réplica en Ribeira, en forma de lectura de manifestos e proxección dun documental en cinco establecementos hostaleiros.

Festival multiartístico

A porta pechada foi, sen embargo, o festival do colexio O Grupo. Case cincocentos alumnos se concentraron no auditorio municipal para animar a mañá con cancións, pequenas pezas teatrais e bailes. As actuacións culminaron, catro horas despois do seu comezo, coa interpretación do himno galego.

Un barbancés que está a xogar un papel destacado no programa das Letras é o actor noiés Serafín Marcos, que onte fixo unha nova parada na comarca, esta vez no instituto Félix Muriel de Rianxo, onde representou o seu espectáculo Cuspídeme enriba, sobre Lois Pereiro.

Tamén se atopa de xira por Barbanza o escritor Antón Lopo, que elaborou unha biografía sobre o poeta do Incio. Onte impartiu unha charla lúdico pedagóxica na Pobra, á que acudiron un cento de alumnos, e hoxe fará o propio en Porto do Son.

En Mazaricos, os escolares mergulláronse no emprego do galego a rimo de hip hop. Viron que as posibilidades da lingua nai son infinitas.