«Estou seguro de que os veciños premiarán o traballo que fixemos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O socialista asegura que o seu equipo preséntase «cos deberes feitos»

07 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Juan Jesús Ares, o candidato socialista á alcaldía de Boiro, afronta a cita electoral coa seguridade que dá a experiencia neste tipo de prazas, pese a que ten que dividirse para atender os compromisos electorais e as súas obrigas como tenente de alcalde. Coa campaña xa en marcha, amósase confiado en que, esta vez, os votantes lle darán a oportunidade de encabezar o goberno municipal e presenta o traballo feito durante os últimos catro anos como aval.

-¿Con que ánimo afronta a campaña?

-Eu vou con moita ilusión e con ganas, temos os deberes feitos, non esperamos á última hora, e agora son os veciños os que teñen que decidir.

-¿Cales son as expectativas coas que parten?

-Nós cando nos presentamos facémolo coma un partido con unha escisión, e iso supón unha merma nas nosas posibilidades. Con todo, cando eu me presentei como candidato por primeira vez tiñamos tres concelleiros e fomos subindo. A tendencia é seguir ascendendo e estou seguro de que esta vez os veciños premiarán o traballo que fixemos e nos darán a oportunidade de gobernar.

-Desta vez hai en escena un quinto partido, ¿como valora o novo panorama?

-Coido que é enriquecedor que haxa máis opcións, canta máis variedade mellor. Nestes tempos que corren é bo que haxa xente interesada en meterse en política porque hai que ser un pouco kamikaze.

-¿É vostede un kamikaze?

-Un pouco. Cando un se mete nisto ten que renunciar a moitas cousas, sobre todo á familia, que é a que máis sofre polas prolongadas ausencias e polos cambios. E logo tamén pasa que hai quen fai que a política sexa desagradable, e ten que haber un límite, non todo vale, se na vida un é honrado e respectuoso na política debería se igual.

-¿A familia nunca lle pediu que se retirara?

-O certo é que teño moito que agradecerlle á miña muller e aos meus fillos por terme permitido traballar no servizo á comunidade, algo que sempre me gustou, incluso antes de converterme en político. Sempre estiven en asociacións de todo tipo, dende cativo, vai na miña forma de ser, por iso a miña familia sempre me apoiou. Deixarei a política e seguirei traballando polos demais porque son incapaz de ignorar os problemas.

-¿E que é o que máis lle preocupa agora mesmo?

-A cantidade de persoas que están nunha situación de desemprego que é dramática, e o que temos que facer é impulsar iniciativas, xunto cos empresarios, para aproveitar todas as sinerxias na creación de emprego.

-¿Como se fai iso dende un concello?

-Por exemplo, asumindo obras públicas e contratando directamente aos operarios en lugar de adxudicar as actuacións a unha empresa. Logo, cremos que tamén é moi importante o uso das novas tecnoloxías, por iso nós propoñemos dar cobertura de Internet a todas as parroquias. Outro dos posibles nichos de mercado é o turismo, en todas as súas variantes, do cultural ou gastronómico ao turismo de praia. Estamos nun lugar privilexiado e debemos explotalo.

-Antes falaba de que teñen os deberes feitos, ¿pero hai algo que quede no tinteiro?

-Algo que para min é unha frustración é non ter completada a recuperación do estuario do río Coroño. A pesar das promesas de dúas ministras, o proxecto segue sen executar, pero nós fixemos a nosa parte.

-E do que si se conseguiu, ¿que destacaría?

-Do que máis orgulloso me sinto é de levar os servizos básicos aos núcleos rurais e da obra do porto de Cabo de Cruz.

Juan Jesús Ares Candidato do PSOE á alcaldía de Boiro

1. Un libro.

«El viejo y el mar».

2. O seu recuncho preferido.

O estuario do río Coroño.

3. Iría ao fin do mundo con...

As miñas conviccións.

4. Un momento inesquecible.

Cando fun avó.

5. Outro para esquecer.

Quero recordalos todos.

6. ¿120 o 110 por hora?

120.

7. Unha cor

Verde.

8. Un político.

Felipe González.

9. Un personaxe histórico.

Castelao.

10. Un escritor.

Arturo Pérez Reverte.

11. Actor preferido.

Luis Tosar.

12. O seu deporte é...

Camiñar.

13. ¿Telebasura ou grandes documentais?

Grandes documentais, aínda que vexo pouco a televisión.

14. ¿Ordenador ou caderno?

Cambiei o caderno polo ordenador e a axenda electrónica.

15. ¿Monte ou praia?

Ambos.

16. ¿Que lle preocupa?

O desemprego.

17. Un desexo imposible.

Que non exista pobreza.

18. Ensinanza e sanidade, ¿públicas ou privadas?

Públicas.

Municipales 2011 |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||