Intenso debate sobre as ameazas que ten a lingua galega

Callón propuxo unha receita baseada nos verbos usar, acoller e solicitar


ribeira / la voz

A presentación do libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, era o acto de fin de mes fixado pola Asociación Cultural Barbantia, coincidindo coa publicación do suplemento A Voz de Barbantia, que acadou o número 64. Sen embargo, pouco se falou da obra, e no seu lugar entaboouse un interesante e intenso debate sobre a situación actual da lingua galega.

Aproveitou o concelleiro de Cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, para despedirse, xa que non vai na lista do PSOE deste ano, e fíxoo zoupando ao goberno galego actual, ao que acusou de poñer en perigo o futuro da fala e apostou por defendela para que non morra.

Dificultades

A continuación, foron poñéndose enriba da mesa as dificultades coas que se atopan os galego falantes, aos que Callón si considera «estranxeiros na súa casa», porque cada vez que solicitan ser atendidos na lingua ou non o conseguen ou acostuman ser estigmatizados. Explicou o presidente da Mesa como lle chegaron a colgar o teléfono por dirixirse a unha empresa subministradora de gas en galego, mentras Antón Riveiro contou as dificultades que tivo para que lle fixeran un poder notarial na lingua de Rosalía.

O alcalde de Boiro, Xosé Deira, lembrou como cando era neno se falaba castelán nas aulas e galego nos recreos, e hoxe ocorre totalmente á inversa.

Callón puxo de manifesto unha receita encamiñada a acadar que o galego volva recuperar a súa penetración na sociedade, a través de tres verbos: usar, aplicado ao emprego da lingua en todos os eidos; acoller, no sentido de ser receptivos coas persoas que queiran aprendelo e usalo; e solicitar, «que é inxusto, porque é un dereito», ser atendidos no idioma oficial de Galicia.

Houbo duras críticas á política lingüística do goberno de Núñez Feijoo, pero tamén ao bipartito, porque non soubo explicar as súas iniciativas encamiñadas a fortalecer a fala. Advertiuse ademais que a maior ameaza é a proliferación de medios, especialmente de televisións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Intenso debate sobre as ameazas que ten a lingua galega