«A Xunta traballa no polígono e espera licitalo canto antes»

O empresario analiza a campaña e os logros que pode acadar no Son


Noia / LA VOZ

Con pouco máis dun mes de vida na actividade política, preséntase o alcaldable do PP en Porto do Son a estas eleccións. Luis Oujo Pouso (Porto do Son, 1969) non entende a vida persoal e profesional sen o diálogo e o entendemento, algo que, asegura, será a súa forma de facer política tanto se logra a maioría o 22 de maio como se vive o mandato na oposición.

-Preparar unha campaña electoral e dar a coñecer un candidato con aspiracións serias de lograr a alcaldía non debe ser fácil de facer nun mes, que é o tempo que vostede tivo e ten.

-Cando decidín dar o paso foi hai un mes e o primeiro que tiven que facer foi buscar un equipo solvente que me acompañara, algo que non resulta doado xa que a xente ten os seus traballos e cústalle tomar a decisión. Sobre isto quero engadir que estou moi contento xa que levo un equipo do que estou orgulloso, con ilusión e ganas de traballar para sacar a Porto do Son da situación na que está.

-¿Que foi o que lle dixeron no Partido Popular que o convenceu para dar este importante paso?

-O que máis me animou no inicio foi saber que terei o apoio pleno da Xunta e do PP para levar a cabo os proxectos que precisa Porto do Son e que eu xa levaba tempo demandando como presidente da asociación de empresarios. Eu preguntei se a Xunta e o partido estarían ao meu lado e a resposta foi contundente: estaremos ao teu lado xa que entendemos que o concello o precisa. Con iso falado e despois de valoralo coa familia, foi cando tomei a decisión.

-E o clima interno que atopou unha vez dentro do partido, ¿cal foi tendo en conta que ata súa chegada estaba dividido?

-Eu sabía que había un malestar interno no partido produto da xente que discrepaba coa forma de xestionar que tiña o anterior candidato. O que lle dixen á militancia ao chegar foi que o diálogo era indispensable e que cando tiveran algunha dúbida o dixeran para aclarala. Aínda así, teño que dicir que agora existe un apoio total da militancia que se demostra no traballo para acadar esa maioría que nos permita ser goberno.

-O que parece claro é que dende hai uns meses vostede era a opción preferida para un sector con moito peso dentro da militancia, ¿axudou iso a chegar á situación actual?

-Claro que axudou, pero agora o que necesitamos é o apoio, ademais da xente do partido, de todos os veciños, xa que se eles ven que nós estamos divididos, mal asunto. Por iso, o que temos que transmitir é que agora hai un candidato e un equipo que teñen o respaldo da militancia a través do diálogo.

-Invoca sempre a palabra diálogo para falar da súa actitude na vida e para facer política, ¿cree que iso abondará para facerse sentir nos plenos de Porto do Son, coñecidos polos seus momentos de crispación?

-Como presidente da patronal, secretario dunha comunidade de montes ou como empresario sempre mantiven esa actitude e non entendo o traballo e a vida doutra maneira.

-¿Que plan de traballo teñen previsto para esta campaña? ¿O porta a porta para darse a coñecer quizais?

-Estaremos ao lado de todos os veciños. Non poden vir eles a onda nós, temos que ir nós a xunta deles. Hai que intentar ver vir os problemas para solucionalos e que os veciños non os sufran.

-¿Prometéronlle algo concreto no PP para sacar adiante o polígono sonense?

-Falei co conselleiro de Infraestruturas e díxome que a Xunta traballa no polígono e espera licitalo canto antes. Isto é fundamental para lograr traballo no concello e para iso é necesario ter industria. O mesmo pasa co PXOM, que temos que sacalo adiante para traer inversións reais ao municipio e deixarnos das pantasmas urbanísticas.

Luis Oujo Pouso candidato dO PP en porto do son

1. Un libro

«Los pilares de la tierra».

2. O seu recuncho preferido

O castro de Baroña.

3. Iría á fin do mundo con...

A miña muller e fillos.

4. Un momento inesquecible.

O nacemento do primeiro fillo.

5. Outro para esquecer

A morte dos seres queridos.

6. ¿120 o 110 por hora?

120.

7. Unha cor.

O verde.

8. Un político.

Feijoo.

9. Un personaxe histórico.

Miguel Ángel.

10. Un escritor.

Vázquez Montalbán.

11. Actor preferido.

Luis Tosar.

12. O seu deporte é...

Bicicleta de montaña e submarinismo.

13. ¿Telebasura ou grandes documentais?

Grandes documentais.

14. ¿Ordenador ou caderno?

Ordenador.

15. ¿Monte ou praia?

Ambas.

16. ¿Qué lle preocupa?

O futuro dos meus fillos.

17. Un desexo imposible.

O pleno emprego.

18. Ensinanza e sanidade ¿públicas ou privadas?

Ambas públicas.

«O que máis me animou foi saber que terei o apoio do Goberno galego e do PP»

«O que lle dixen á militancia ao chegar foi que o diálogo era indispensable»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«A Xunta traballa no polígono e espera licitalo canto antes»