-Quintáns foi en xeral un bo alcalde e é un político de raza. Ninguén está exento de fallos, pero traballou moito e ben por Porto do Son. É un activo dos progresistas, aínda que soportou unha dura campaña de descualificacións inxusta. Non sei se figurará de maneira simbólica na lista, pero o partido e mais eu apreciamos o seu traballo.
-O que non se pode negar é que o nome de Quintáns ten moito peso non só no partido, senón no concello e na comarca. Incluso existe o ruxe ruxe na rúa de que vostede mentres ?non se quite de enriba ese nome? non poderá gobernar con liberdade, ¿qué pode dicir a isto?
-Xa dixen que é un home moi válido e de moita experiencia política que se debe valorar. Parece como se a experiencia e o bo labor non valesen de nada e iso é inxusto. O novo, se non ten substancia, non serve. Manteño moi boas relacións persoais e políticas con el, pero eu teño a miña forma de facer e de ser, distinta á de Quintáns. Sempre o escoitarei, pero decidirei eu co meu equipo e cos militantes.
-E aos que din iso, ¿que lles contesta?
-Que teño suficiente formación e unha experiencia xa de oito anos en política para non ser dominado por ninguén.
-Despois de dezasete meses de goberno compartido co BNG, ¿cal é a relación con eles?
-Toda coalición ten dificultades porque hai diferenzas de programa, pero en xeral houbo e hai estabilidade, colaboración e traballo realizado, ben realizado. Foi unha experiencia necesaria ante o desgoberno anterior. Aparcamos diferenzas e fomos capaces de traballar xuntos.
-E nestes comicios, ¿aspira a alcanzar a maioría absoluta?
-Desexar unha maioría absoluta é lexítimo en todo partido que se presenta ás eleccións.
«Desexar unha maioría absoluta é lexítimo en todo partido que se presenta»