«Coas actividades do centro social, volvín a nacer»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Leva un lustro participando nas actividades que promove o centro social boirense para os adultos, pero Rosa Saavedra é moito máis que unha alumna aplicada. Esta veciña participou en dous importantes proxectos postos en marcha no municipio: Memorias de muller e Paséate con nós. De feito, no marco desta última iniciativa, exerce a día de hoxe de guía voluntaria dos grupos de escolares e turistas que visitan os muíños restaurados en Ponte Goiáns.

-¿Como se decidiu a participar nas actividades formativas do centro social?

-Realmente, eu empecei a ir ao centro social para xogar ás cartas e alí decateime de que impartían diversos cursos para adultos. Participei en clases de informática e de música e, no 2006, a técnica da ofician de turismo propúxonos sumarnos ao programa Paséate con nós.

-Aceptou e converteuse en guía dos muíños de Ponte Goiáns, ¿por que este lugar?

-Nun principio, eu era guía da igrexa, o que pasa é que esta proposta non funcionou moi ben. Logo decidimos cambiala polo pazo de Fonteneixe, que si que espertaba interese, pero era complicado, pois había que solicitar permisos e demais. Foi entón cando eu lle falei á técnica de turismo da posibilidade de organizar visitas aos muíños. Eu practicamente nacín neles e dominaba o tema, polo que a proposta gustou.

-¿Cal é a súa misión como guía?

-Explico, por exemplo, as partes que ten o muíño e logo póñoo en marcha.

-¿Que é o que esperta máis interese?

-Aos visitantes gústalles moito ver como moe o muíño, sobre todo aos máis pequenos.

-¿Está a funcionar entón a súa proposta?

-Eu fixen a proposta máis ben para conseguir que os muíños se conservaran en bo estado, pero agora vexo que a xente está satisfeita coa visita. Nunha ocasión incluso veu un grupo de italianos e quedaron encantados.

-A vostede, ¿que é o que máis lle gusta desta experiencia?

-Sobre todo, estar coa xente, comunicarme e ver que aprenden algo de min. Aos turistas e aos nenos gústalles saber detalles de antes, da importancia que tiñan os muíños.

-Tamén participou en Memorias de muller, ¿con que contribuíu vostede a este programa?

-A parte que eu acheguei ao vídeo que se gravou titúlase Lembranzas de familia. Nela, eu conto que son dunha familia de labradores e que todos os meus irmás tiveron que emigrar. Foron a América. De feito, eu teño unha irmá en Brasil á que non vin en máis de corenta anos. Incluso cheguei a perder o contacto con ela un tempo pero, despois de recuperalo, viaxei alá no 2009.

-¿Como recuperou o contacto con ela?

-Pois é unha historia moi fermosa, porque foi a raíz dun curso impulsado polo centro social no que eu participei. Era un obradoiro epistolar, que tiña como obxectivo recuperar a comunicación por carta. O que fixemos foi escribir misivas ás máximas autoridades dos cinco continentes. Eu elixín cartearme con Lula Dasilva e expliqueille o que me pasaba. Respondeume dicíndome que xa puxera en marcha as xestións para axudarme e así foi.

-Os cursos do centro social boirense servíronlle para moito máis que para estar entretida e formarse en diversos eidos, ¿non?

-E tanto que si, coas actividades do centro social volvín a nacer en todos os sentidos. Para min son moi importantes.