«Durante a campaña electoral non vou vender fume»

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Di que a proposta pillouno por sorpresa e que a considera un afago

19 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Será unha lista que vai respostar ás expectativas que se están xerando»

Preséntase como candidato do PSOE rianxeiro coa responsabilidade que implica substituír a Pedro Piñeiro como cabeza de cartel. Carlos Gey (Asados, 1952) asegura que a proposta da executiva socialista pillouno por sorpresa «porque non estaba no meu camiño», aínda que recoñece que lle gusta a política «a pesar da situación de desprestixio na que se atopa actualmente».

-Menudo xiro na súa vida.

-Cando che plantexan a opción de substituír a Pedro é unha cuestión que che fai dubidar polo compromiso que significa. Realmente é unha decisión que cambia moitas cousas. É algo forte polo que representa Rianxo pola súa tradición e polo que significa Pedro Piñeiro.

-¿Como afronta a campaña que se aveciña?

-Como un acto bonito. Imos explicar o noso proxecto e facer o posible para que entendan a nosa proposta. O primeiro que imos poñer é sentido común; é o que a xente pide. Durante a campaña non vou vender fume, senón que tratarei de que a xente confíe no que dicimos. Levo seis anos ao pé do canón, podo aportar cousas a Rianxo.

-¿A candidatura está pechada?

-Non está totalmente pechada. Estase formando sen presas. É unha lista que vai responder ás grandes expectativas que se están xerando e con xente que poida levar a cabo a acción de goberno; persoas comprometidas con Rianxo. Unha das cousas que me gusta é formar equipo e que funcione en común.

-Desde esta nova posición de candidato, ¿como se ve Rianxo?

-O futuro está aí para Rianxo. É o primeiro punto de entrada e saída da comarca. Ten un polígono industrial perfectamente ubicado, conectado á autovía, a 14 quilómetros da autopista. Ao mesmo tempo, posúe todos os servizos que precisa unha empresa moderna e, polo tanto, danse as condicións para crear emprego. A nivel cultural, en Rianxo temos as bases para a promoción do turismo cultural e tamén temos o mar feito tradición no Museo do Mar e na Aula Activa do Mar, con máis de cinco mil visitas o pasado ano. Este pobo de doce mil habitantes ten moitas posibilidades e temos que crer nelas. Se cremos nas posibilidades do noso pobo podemos saír reforzados da crise. Rianxo ten que rentabilizar o seu potencial.

-Falou do turismo cultural, e nese ámbito a academia literaria vai ser determinante

-Conseguíronse cousas, como a compra das casas de Manuel Antonio, que abrirá as súas portas nuns días, e a de Rafael Dieste. A vivenda de Manuel Antonio vai ser un exemplo da academia literaria. Agora estase rehabilitando a de Rafael Dieste. Hai que darse conta da situación de crise. As bases están creadas. Non estamos falando do proxecto duns ilusionistas, é un proxecto real. En Europa hai vilas pequenas como Rianxo que viven do turismo cultural. Este é un pobo que non se deixou estropear, que conserva a fisonomía da estética mariñeira e o seu casco antigo ten vida.

-Fala da creación de emprego, das posibilidades que ofrece o polígono, ¿pero no municipio hai servizos sen cubrir?

-O centro de día é unha das prioridades. A falta dun centro de día é un castigo. Non entendo a situación actual. A realidade é que o goberno rianxeiro puxo un terreo a disposición do departamento que dirixía Anxo Quintana e seguimos a día de hoxe sen que se fixera. O actual Goberno galego segue tendo a parcela e non se moven as pezas para que sexa unha realidade. Tamén están as vivendas sociais, a Xunta tivo á súa disposición unha parcela durante catro anos e non fixo nada.

-Na súa presentación falou de potenciar o comercio local

-Imos ter reunións cos comerciantes. Hai baixos na Ribeira que se poden arranxar mediante a área de rehabilitación. Eu creo que existe posibilidade de que Rianxo sexa un foco de atracción para a implantación de firmas de prestixio. É unha alternativa difícil neste tempo de crise, pero agardo que sexa secundada polo comercio local. Non debe esquecerse que moitas destas marcas ofrecen a opción de coller a franquicia. Creo que se poden aproveitar as rúas peonís e o casco antigo para facer unha rede de comercios, tense feito noutros lugares e acadou un importante éxito.

-Tamén está a construción da segunda escola infantil.

-E certo que se precisa outro recinto para atender aos cativos. A intención é ubicalo no polígono industrial. Algo que xa estaba previsto porque é posible facelo así.

«En Europa hai vilas pequenas coma esta que viven do turismo cultural»