«A festa da filloa é posible pola implicación de todo o pobo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

11 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un grupo de veciños da aldea sonense de Miñortos uníronse hai uns anos para poñer en marcha unha asociación. O obxectivo era dinamizar o lugar con actividades de carácter lúdico e festivo. Á fronte do colectivo púxose Víctor León, quen fai un balance positivo do traballo realizado, pois van xa pola sétima edición da Festa da Filloa, que se vai celebrar este sábado; e pola terceira exaltación da tortilla, que terá lugar o vindeiro día 26.

-Está claro que a da filloa é xa a festa estrela de Miñortos, ¿como xurdiu esta idea?

-Buscábamos unha festa na que puideran implicarse todos os veciños e foi así como xurdiu a idea de facer a exaltación da filloa.

-¿De que maneira colaboran os veciños nesta actividade?

-O propio sábado vai haber unha persoa na carpa facendo filloas, pero hai veciños que empezarán hoxe a traballar na casa, preparando a masa para, mañá pola mañá, facer as filloas e levalas á festa. Hai unha ducia de persoas implicadas.

-¿É posible calcular o número de filloas que se van poñer a disposición do público?

-É complicado, o que si podo dicir é que se van empregar cen quilos de fariña e tres enormes caixas de ovos. O ano pasado había máis de mil filloas. A maiores, imos repartir tamén flores e orellas.

-E nun par de semanas, a degustar tortilla. ¿Por que se decantaron por este prato?

-Neste caso, o que se buscaba nun principio era involucrar aos locais hostaleiros, que fosen eles os que concursaran. Logo decidimos darlle tamén aos particulares a oportunidade de participar.

-¿Como é o proceso?

-Hai dúas categorías, unha para negocios e outra para particulares. Nos dous casos, teñen que presentar tres tortillas, dúas son para a degustación aberta a todo o público e unha, para o xurado. Todos aqueles que desexen participar no concurso poden inscribirse xa no número de teléfono 696 887 927.

-¿Conseguiron con estas actividades dinamizar a aldea?

-Penso que logramos que a aldea de Miñortos sexa máis coñecida, tanto en Barbanza como fóra da comarca. A festa da filloa soa xa en moitos lugares.

-¿Non é complicado, sobre todo tendo en conta o pequeno que é o núcleo de Miñortos, organizar actividades deste calibre?

-Neste tipo de festas sempre hai complicacións, pero hai que ter en conta que a festa da filloa é posible pola implicación de todo o pobo de Miñortos. Os veciños colaboran ao máximo, senón fose así, isto acabaríase. Tamén contamos coa axuda do departamento de Cultura do Concello de Porto do Son.