«Unha colección de arte galega debe ter a Seoane»


ribeira / la voz

Mercou hai pouco máis dunha década o primeiro cadro e, desde entón, o veciño de Miñortos Jesús Maneiro Romero xa non puido deixar de ir nutrindo, de xeito paulatino, o seu museo particular. Di que a del é unha colección pequena e modesta, pero o certo é que ten obras únicas. Entre as máis destacadas atópase un mural de Luís Seoane que estes días se expón na casa de cultura de Porto do Son xunto con outros trinta traballos do creador, a maior parte deles, gravados.

-Vostede traballa como encargado de persoal nunha empresa de Miñortos, unha profesión que pouco ten que ver coa arte, ¿como comezou a súa afección?

-Empecei lendo e acudindo a exposicións. Logo, un día, decidín mercar un cadro e xa non puiden parar. Aquela primeira obra foi un acrílico sobre lenzo de Alfonso Costa.

-A paixón por Luís Seoane, ¿de onde lle ven?

-É froito dun proceso evolutivo. Unha vez que me afeccionei a isto, tentei facerme cun conxunto de obras de pintores da terra, sempre dentro das miñas limitacións, que son sobre todo económicas. Considero que unha colección de arte galega debe ter a Seoane. É unha figura moi importe, non só como pintor, senón como intelectual en xeral.

-¿Como se fixo con ese mural que é a peza estrela da súa colección?

-Tiven ocasión de viaxar a Arxentina, aproveitando que teño familiares alí, e fun coñecendo a actividade muralística de Seoane, que en Bos Aires é moi importante. Visitei varias galerías e nunha delas atopei a peza. Cando a vin, encantoume.

-¿Que outras obras ten deste artista?

-O que máis teño son gravados. Debo andar por uns oitenta. A semana pasada, sen ir máis lonxe, merquei un. A maiores teño dous lenzos e catro debuxos.

-Ademais de Seoane, ¿que autores integran o seu museo particular?

-Teño obras de varios autores galegos, pero a miña non é unha colección importante. Figuran nomes como Veiras Manteiga, Alfonso Costa, Arturo Souto ou Ayaso.

-¿A onde recorre para facerse coas obras?

-Gústame moito visitar galerías. O ano pasado incluso estiven na feira Arco.

-A súa é unha afección que resulta cara. Se dispuxese de medios, ¿que autores lle gustaría incluír na colección?

-Gustaríame ir incorporando pouco a pouco obras de todos os autores galegos, Manuel Colmeiro, Regueira, Laxeiro... e moitos máis. O que ocorre é que para un coleccionista de nivel medio coma min, a maior parte das obras teñen un prezo desorbitado.

-¿Como se lle ocorreu dar a coñecer parte da súa colección montando unha exposición?

-A idea xurdiu xa o ano pasado, que foi cando se conmemorou o centenario do nacemento de Luís Seoane. Xa daquela mantiven contactos co alcalde de Porto do Son, Xoán Pastor Rodríguez, e co concelleiro de Cultura, Ramón Quintáns, e gustoulles a idea de montar a exposición. O tema foise alongando no tempo ata agora.

-A nivel da xente da rúa, ¿pensa que existe afección á arte en Barbanza?

-Creo que si que hai afección, o que ocorre é que moitos coleccionistas pequenos coma min non se atreven a expoñer. Estou convencido de que en Barbanza hai xente que ten conxuntos de obras tan importantes ou máis que o meu, pero non dan o paso a amosarllos ao público.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Unha colección de arte galega debe ter a Seoane»