Partenariado europeo

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

22 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Papúa-Nova Guinea pertence ao hemisferio Sur cara o Leste. Temos 16 horas de diferenza horaria. Está a uns 18.000 quilómetros polo aire e a 28.000 polo mar (a tres mil catrocentos de Asia e catro mil de Xapón). Linda con Australia, que se mantén na Commonwealth, e está bañada polo Pacífico. O salario medio dun traballador é duns 240 euros ao mes. Pois ben, a nosa querida UE pensa que para as nosas industrias conserveiras, o conveniente é deslocalizalas alí, acuñando un novo concepto que chaman partenariado, que nin aparece no DRAE nin no DRAG, tratándose doutro anglosaxonicismo, partnership -asociación, sociedade-, supoño que para despistar, pero que significa a desaparición do sector conserveiro da bisbarra, como o eurodeputado, Pablo Zalba, razoa moi atinadamente no seu blog.

Se tiña algunha dúbida sobre o meu escepticismo europeísta, agora non teño ningunha. ¿Cantos empresarios e técnicos galegos estarán dispostos a autoexiliarse para dirixir alí as súas empresas? Peor que nos malos tempos da nosa emigración.

Moi pola contra do que defende a maioría, coido que deberiamos replantexarnos a nosa permanencia na UE e, baseadamente, renegociar a nosa pertenza á zona euro. Vexamos algúns argumentos.

Para a nosa integración en 1985 houbo que sacrificar o sector agropecuario español, sendo Galicia a zona máis prexudicada, para favorecer a Francia e Inglaterra, de onde xurdiu a enfermidade das vacas tolas, e unha brutal reconversión industrial do norte español que para nós afectou a Ferrol e Vigo, en beneficio da industria alemaña.

Non fai tanto tivemos que achantar, en beneficio doutros países «irmáns», a pesca en Marrocos que agora tamén pon en perigo, co beneplácito de Bruxelas, o sector hortícola mediterráneo.

Pero o máis arrepiante é que os nosos «socios» europeos din que deste xeito amparan que non se arrasen os recursos mariños atuneiros e que se evitará a explotación laboral daquela zona. ¡Cacho hipocrisía e cacho papelón para Núñez Feijoo!.