«A xente vólcase coas catástrofes, pero está durmida ante a pobreza»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

A responsable do comité local da oenegué bota en falla máis apoio dos barbanceses para combater os grandes problemas do terceiro mundo

04 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A preocupación polos problemas que lle afectan aos nenos levou a Cruz Rivadulla a sumarse á gran familia de Unicef. Tal foi o compromiso desde a súa adhesión a esta oenegué que, cando entrou a formar parte dela, alá polo ano 2004, creou un comité local en Ribeira e púxose á súa fronte co fin de sensibilizar á poboación de Barbanza e tratar de recadar fondos para os proxectos que ten en marcha a organización. Estes días, por exemplo, atende a tenda de agasallos aberta temporalmente na rúa Santa Uxía.

-¿Como naceu este comité local de Unicef en Ribeira?

-Eu entrei en contacto con Unicef mediante un amigo meu que estaba no comité de Santiago e buscaba xente para poñer en marcha unha sucursal aquí en Ribeira.

-Pero, ¿cal foi o motivo que a levou a comprometerse cunha organización deste tipo?

-Confluíron varias cuestións. Eu son mestra de educación secundaria e sempre me preocuparon os problemas dos nenos. A raíz dunha enfermidade, déronme unha incapacidade laboral e foi entón cando decidín que quería empregar o meu tempo e as miñas forzas en facer algo polo colectivo infantil. Buscaba unha organización con carácter universal, que abarcara os problemas de todos os nenos, independentemente do seu país de orixe, e foi cando atopei Unicef, unha entidade que cubre todas estas expectativas.

-¿Cal é a súa principal misión desde o comité local de Ribeira?

-Levamos a cabo sobre todo un traballo de sensibilización. Pretendemos dar a coñecer os problemas de pobreza que existen no mundo. Para nós, o máis importante é recadar fondos para contribuír cos proxectos que Unicef ten en marcha para paliar estas necesidades.

-Agora teñen aberta unha tenda de agasallos pero, ¿que outras actividades realiza Unicef Ribeira?

-Desde hai cinco anos, polas festas de Nadal, organizamos un torneo de fútbol sala. Hai unha semanas tamén tivemos un concerto solidario, no que participou Enrique Paisal, e sumámonos á conmemoración do día da infancia.

-¿Cal é a resposta?

-A xente vólcase coas catástrofes, pero está durmida ante a pobreza. A resposta dos barbanceses foi espectacular diante de sucesos como o terremoto de Haití pero as grandes necesidades dos países pobres están esquecidas.

-¿Percíbese tamén a crise á hora de recadar fondos?

-No que se refire ás colaboracións procedentes das administración e das empresas, si que se nota; pero no relativo aos donativos da xente, non. Eu podo dicir que, por exemplo, no torneo de fútbol sala deste ano foi no que máis diñeiro recadamos das cinco edicións que se teñen disputado.

-E a tenda, ¿como está a funcionar?

-Ben, pois temos agasallos económicos e a xente que entra na tenda soe marchar con algún detalle. Iso si, a venta de postais, que son a sinal de identidade de Unicef, si que descendeu de xeito estrepitoso.

-¿Pensa que a xente desconfía, agora máis que nunca, das oenegués?

-Houbo e sempre haberá estafas, pero a xente ten que saber a que organización lle da a súa confianza. O que teñen que facer os veciños é informase antes de brindar a súa colaboración a unha oenegué concreta. No caso de Unicef, pasa cada certo tempo unha serie de filtros e de auditorías que certifican que os fondos que se recadaron foron destinados aos proxectos que estaba previsto.