Gonzalo Pérez e Carlos López, dous alcaldes de Outes na democracia

Tres décadas de xestión conservadora nas terras do poeta Añón


Despois de que Outes fora rexido durante o franquismo por dez alcaldes, o 26 de xuño de 1973 accedía á presidencia da corporación Gonzalo Pérez Villaverde, que se convertería no derradeiro rexedor da ditadura. Logo da sesión do 21 de outubro de 1973, na que se determinaban os concelleiros que debían renovarse de acordo co decreto do 17 de agosto convocando eleccións municipais, o 3 de febreiro de 1974 constituíuse unha nova corporación que quedou presidida polo mestre Gonzalo Pérez Villaverde.

Cando no ano 1979 se celebraron as primeiras eleccións locais da democracia, Pérez Villaverde saíu elixido baixo as siglas da UCD, que tivo once escanos. Os Independentes tiveran cinco (Elixio Suárez Fiúza, Armando del Río Martínez, Manuel Zubiela Sieira, Ramiro Lestayo Gómez e Rafael Beracoechea Ramírez) e o PSOE só un (Belarmino Gómez Agra).

Despois da desaparición do partido de Adolfo Suárez, nos comicios de 1983 Gonzalo Pérez encabezou a coalición conservadora integrada por AP-PDP-UL. A vitoria desta formación foi contundente. Cando o 23 de maio se celebrou a constitución do novo Concello, Gonzalo Pérez Villaverde obtivo catorce votos. Os outros candidatos -Belarmino Suárez (PSOE), Manuel Zubiela Sieira (Coalición Galega) e Xoán Mallo Tuñas (PGI)- non obtiveron ningún respaldo.

Terceiro mandato

Catro anos máis tarde, na sesión plenaria celebrada o 30 de xuño de 1987, o rexedor, que acudiría ás eleccións baixo as siglas da CPG, conseguiría once votos, mentres os seus principais opoñentes, Manuel Ramos Fernández (PSOE) só obtiveron tres, e Feliciano Vives Gómez (Alianza Popular) quedou con dous.

Unhas cifras semellantes -grazas, en parte, ao voto «cautivo»- confirmarían a Pérez Villaverde nos comicios do ano 1991, presidindo agora a formación do Partido Popular. Malia estes resultados, nunha información de La Voz de Galicia do 29 de xaneiro de 1995, baixo o titulo «El alcalde de Outes, duda para los comicios de mayo», apuntábase -mentres se falaba da fichaxe do ex comunista e ex socialista Groveiro polo PP- que «otro lugar en el que se registra una novedad excepcional es el municipio de Outes». Máis adiante sinalábase que «Gonzalo Pérez Villaverde, el alcalde más veterano de la comarca y de los más veteranos de Galicia, con más de veinte años al mando de su concejo, no aparecía inicialmente en la 'orla' de los populares».

A información semellaba acertada. Sen que o veterano rexedor dera algunha explicación sobre a decisión de non continuar na política local, uns meses despois Carlos López Crespo substituía a Gonzalo Pérez Villaverde como cabeza de lista do PP.

Os comicios celebrados o 28 de maio de 1995 deron os seguintes resultados: o PP obtivo sete escanos; o PSOE, liderado por Enrique Martínez Pedrosa, quedou con catro: e o BNG, de Francisco Quintela Romero, só obtivo dous. Os resultados non só producirían un cambio no seo da presidencia da corporación municipal, despois de 22 anos interrompidos de goberno de Pérez Villaverde, senón que tamén motivou que nesta lexislatura estrearan cargo oito persoas: sete concelleiros do PP e un do PSOE.

Cómodas maiorías

Dende estas datas, Carlos López Crespo revalidou con comodidade as maiorías absolutas conseguidas pola dereita dende o inicio da democracia municipal. Unha curiosa circunstancia que converte ao concello de Outes nun caso atípico tanto no Barbanza como na ría de Muros e Noia, onde, agás o concello de Rianxo, sempre gobernado polos socialistas, a alternancia no poder se repite con certa frecuencia.

Esta tendencia conservadora durante máis de tres décadas semella posible por tres factores: a ausencia dun debate político dende que o derradeiro alcalde do franquismo se convertese no primeiro da democracia e gobernase durante catro lexislaturas seguidas, o continuo baile de representantes dunha oposición sen rumbo e o pragmatismo amosado por Carlos López Crespo. Un home que consegue o recoñecemento dos seus paisanos cunha hábil estratexia: boas palabras, promesas cumpridas e o talante afable que sempre exhibe nas súas relacións, tanto persoais coma políticas. Sen dúbida, un difícil equilibrio nestes tempos onde -merecidamente- a clase política está tan mal valorada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

Gonzalo Pérez e Carlos López, dous alcaldes de Outes na democracia