«O Concello de Porto do Son préstase sempre a colaborar co eido artístico»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A artista do Pino Estrela Rúa amosa estes días unha colección de cadros na casa de cultura de Porto do Son. Trátase dunha serie de paisaxes que se presentan baixo o título Soedade e libertade .

-¿Que poden ver os veciños que se acheguen a esta sala?

-Son paisaxes figurativos e expresivos ao mesmo tempo, que tentan que a xente se proxecte neles. Son obras que hai que miralas con tempo.

-¿Que pretendeu transmitir cando as realizou?

-Para min a natureza é unha fonte de inspiración moi importante, porque segue asombrándome. Cando me poño fronte a unha paisaxe flúen sensacións e iso é o que pretendo que pase tamén nos espectadores.

-¿Entón sempre pinta paisaxes?

-Case sempre. Agora teño en proxecto empezar a plasmar ideas sobre o ser humano, pero as persoas non son tan transparentes como a natureza e por iso me custa decidirme.

-¿Por que elixiu Porto do Son para esta exposición?

-Porque o Concello de Porto do Son préstase sempre a colaborar co eido artístico. Ten moi boas salas e existe gran preocupación para que as colección sexan amosadas nas mellores condicións posibles.

-¿É complicado atopar salas para expoñer?

-Cada vez hai máis facilidades por parte dos concellos, pero segue a ser difícil atopar salas que cumpran uns requisitos mínimos.