Comisións sen Marcelino

Protágoras

BARBANZA

05 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi, por todo o que sabemos e vivimos, que o sábado, na Porta de Alcalá de Madrid, entre as «varias decenas de miles de persoas» tamén estivemos nós para renderlle homenaxe a Marcelino Camacho diante do coche fúnebre cos seus restos e en presenza da súa familia e dos máis destacados dirixentes sindicais de España dende a Transición. Tamén estaban no acto o secretario xeral do PCE e o ex-secretario do mesmo, Santiago Carrillo, coetáneo de Camacho en militancia comunista, responsabilidade política e liderado. Pero na homenaxe houbo voces discordantes, de protesta e rexeitamento, se ben non en menoscabo da exaltación do finado sindicalista. Tales voces, sen embargo, viñan representar a denuncia das derivas sindicais nestas últimas etapas de CC.OO. sen Marcelino Camacho.

Non obstante, o que a nós nos move máis de cara a este comentario son as críticas escritas que observamos nun debate en Internet. Porque estas non se paran soamente en criticar o funcionamento actual dos sindicatos, senón que, indo moito máis atrás, intentan descualificar absolutamente a labor histórico-sindical de Marcelino Camacho, incluíndoo, xunto con Santiago Carrillo, entre as figuras responsables dos apoios que posibilitaron a Constitución, da firma dos Pactos da Moncloa ou da aceptación da mesma lei de amnistía, que liberaba de gravidades pasadas ós políticos de antes da Transición. Como causas anteriores, sen dúbida, pero fundamentos da debilidade e ineficacia sindical e política do momento crítico en que nos atopamos hoxe. E non só CC.OO., senón o conxunto das clases populares e a democracia.

Sen que a nós tampouco nos caiba dúbida de que estas críticas procuran un máis alá, pero a destempo do que se alcanzou, e pensando en que, quizais, os autores das críticas nunca o atraparán, senón que aínda quedarán atrás de onde chegou Marcelino? Por isto é que concluímos, en especial para os críticos:

Para nós que son os pobos, as súas organizacións as que fabrican e defenestran ós líderes. Sen que isto desminta en nada que cada líder o sexa dunha madeira especial que vai no seu compromiso. Nós non vemos que Carrillo nin Camacho traizoaran os intereses e ideas que defenderon. Pero, en cambio, ¿onde situar ós líderes e ós cadros actuais do PCE e de CC.OO.? ¿E a quen é que vota hoxe o pobo traballador en canto hai eleccións? ¿Ou non ten a quen votar? Non me digades que o pobo é ignorante, pois se así fose: ¿Ata cando? ¿Quen anunciará o momento no que deberá espertar? Nin se oe, por agora, nin no pasado puido oírse outra chamada que non fose rexeitada. Aínda é que, ó parecer, aquilo tampouco vale, porque queda a contramán ¿Entón qué? ¿Onde o liderado válido? ¿Ou non será que haberá que fabricalo outra vez máis?