Once meses dan para moito, algo que o rexedor sonense pode corroborar trala moción de censura que o colocou no poder
30 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Menos dun ano como alcalde e moitas frontes abertas. Aquí explica algunhas.
-¿Que se pode facer nun ano á fronte do goberno, que é o tempo que están a punto de cumprir?
-Dotar a Porto do Son dunha maioría estable que permitiu aprobar orzamentos e todos os asuntos de interese para o municipio.
-¿Cales eran as maiores necesidades que atoparon ao chegar?
-Case as mesmas que había no 2007, pois o PP non foi capaz de executar a maioría das obras aprobadas anteriormente. O concello estaba moi paralizado e fixéronse por parte do PP obras en malas condicións, como é o caso dos contedores soterrados de Caamaño. Nós esperamos ir facendo o máis apropiado para Porto do Son, cousa que xa demostramos nas obras xa realizadas.
-A fachada marítima foi a grande inversión perdida non só para o concello senón tamén para a comarca, ¿cales son as novidades que incluíron ou que propuxeron para a futura fachada?
-Foi un erro gravísimo do PP eliminar esta grande inversión. Nós remitimos agora unha nova proposta que creo que responde ás necesidades do noso municipio, entre as cales están a ampliación de beirarrúas para maior superficie de terrazas da hostalería, unha explanada para actuacións musicais, un auditorio ao aire libre con vestiarios e aseos públicos para a praia debaixo da ampliación do aparcadoiro ou unha pista multideportiva, entre outras.
-E nas parroquias, ¿cales foron as inversións máis importantes e cales son as que quedan por facer?
-Reparar as humidades na Casa de Cultura de Caamaño, continuar coas beirarrúas ao longo da estrada AC-550 en Queiruga e Caamaño ou o alumeado de Abuín ata as Insuas, en Baroña. O arranxo dos parques infantís e das pistas polideportivas municipais, as actuacións de limpeza, sinalización ou a construción dun Centro de Interpretación das lagoas de San Pedro e Xuño son outras.
-¿Algunha recomendación para o portavoz popular co obxectivo de suavizar o clima dos plenos?
-A mesma que para o resto: respecto polos demais.