Exvotos mariñeiros nos templos de Porto do Son

Pinturas e maquetas de barcos, ofrendas da xente do mar, poden contemplarse en igrexas de toda Galicia


Un interesante cadro (exvoto) situado nun lateral da capela do Nazareno, na igrexa parroquial de San Vicente de Noal, e unha maqueta de barco pendurada do teito, preto do altar maior da capela da Atalaia, ambos en Porto do Son, demostran a relixiosidade da poboación, e son unha referencia máis do legado cultural que reflicten estas pezas da antropoloxía mariñeira.

Este cadro, coma os centos que se conservan espallados por Galicia, cumpre coas finalidades dos exvotos ao seren ofrecidos nun intre de perigo para solicitar a intercesión á divindade, ou dar grazas por un favor xa recibido. Por iso foron entregados ás igrexas para deixar constancia daqueles acontecementos.

A realización de exvotos pintados que se conservan, remítennos aos séculos XVIII e XIX, aínda que os hai anteriores (século XVII). Xeralmente estes cadros están pintados ao óleo sobre lenzo e sobre táboas, salvo algúns excepcionais que foron realizados á acuarela, e mesmo litografías, realmente pouco relevantes.

Nos cadros hai tres partes claramente diferenciadas. A lenda explicativa, que sempre vai na parte inferior, ocupa todo o espazo do cadro en sentido lonxitudinal. No cadro sonense a lenda é a seguinte: «El día 12 de octubre de 1827 el bergantín goleta Nª Sª del Rosario, apostado sobre el puerto de Cádiz con tiempo borrascoso, fuerte y oscuro. El capitán y tripulantes ofrecieron el valor del trinquete a Jesús Redentor y los libró de aquel peligro».

A segunda parte da mesma leva a representación do milagre ou lugar onde se levaron a cabo os feitos, situada no medio e na parte superior. A terceira corresponde á figura da divindade, ou «zona celestial», que ben pode ir nun recanto -coma no exemplo sonense- ou na parte central do cadro.

Pinturas sen perspectiva

Na maior parte destes exvotos, as pinturas carecen de perspectiva ningunha. Os de tema mariñeiro, que representan accidentes ou naufraxios, como este que nos ocupa, a escena sitúase nun mar escuro e tenebroso, no medio dun enorme temporal.

Aínda que hai algunhas excepcións, xeralmente os autores son anónimos. Nalgúns casos, trátase de pintores carentes de técnica; outros, son cadros dunha gran categoría. Estes feitos formularon a dúbida de se os cadros os facían os propios devotos ou alguén do seu contorno, ou, se pola contra, había pintores especializados nestes temas que traballaban por encargo do favorecido, ou polo conxunto dos mesmos ofrecidos, como é este exemplo de Porto do Son.

Debemos considerar estes cadros como auténticos documentos antropolóxicos, nos que se nos desvelan algúns aspectos da forma de vida daqueles anos, tanto a traveso das inscricións coma das representacións pictóricas. Así, da información obtida dos mesmos, podemos deducir que os exvotos podían ser encargo dun só individuo ou dun colectivo. Os cadros tamén nos proporcionan información do xeito en que se realiza a petición, no que se pon de manifesto a súa fe. Pero tamén poden deixar mostra de -como é este caso- contraídas polo favor solicitado.

Outras veces os exvotos adquiren volume, forma de barco, xeralmente de vela. En moitos casos unha réplica da propia embarcación dos mariñeiros que solicitan a intercesión da divindade, sendo o resultado un perfecto traballo de carpintería de ribeira a escala.

Exposición ao mar

Os mariñeiros están moi expostos ao antollo do mar, e os continuos perigos aos que se ven sometidos xustifican o dito de que «para ser bo mariñeiro, tres condicións hai que ter: coñecer o mar e os barcos, e non ter medo a morrer?».

É moi raro que nos santuarios espallados pola costa galega non haxa algunha reprodución de embarcación pendurada do teito ou das paredes, ofrecida por algún mariñeiro en agradecemento por terse salvado dalgún perigo, naufraxio ou calquera outra circunstancia no mar.

Algunhas veces, como no caso que nos ocupa, figura o nome do barco, Vida y dulzura, ou o número do folio.

No tocante ás divindades ás que se dirixen os ofrecementos, destaca a figura da Virxe María, baixo as súas diversas advocacións; en primeiro lugar, o Carme, así como as de Santa María, a Nosa Señora dos Remedios, ou a dos Milagres

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Exvotos mariñeiros nos templos de Porto do Son