O rexedor afirma que a situación da economía non é boa pese aos plans de austeridade orzamentaria aplicados
22 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A conversa do rexedor carnotán, José Oreiro, aínda que parta dos currunchos máis diversos, remata sempre con aspiracións e propostas para que o que el chama paraíso na terra, chegue a ser tamén un lugar onde os seus veciños poidan vivir dignamente.
-¿É a falla de emprego a principal preocupación para os habitantes do municipio?
-Non sei se é a maior preocupación para a veciñanza, pois neso habería que ter en conta as inquedanzas de cada quen. Dende o cargo de alcalde coido que a maior satisfacción que tería é saber que ningún veciño se ve obrigado a marchar porque aquí non atopa un posto de traballo que lle permita vivir. O Concello pouco pode facer nese eido, aínda que sempre estaremos abertos a colaborar no desenrolo económico da xente.
-¿Que outros problemas detecta e tentan resolver?
-Somos un concello periférico, afastado dos centros de poder e decisión, e tamén dos lugares onde a poboación goza de maiores e mellores servizos públicos. Se a iso se une a situación poboacional desta terra, na que abundan as persoas maiores, vémonos na obriga de acadar unhas infraestruturas e servizos modernos, onde se oferte atención aos maiores, e variedade de posibilidades de ocupación do ocio.
-¿Nestes anos, que accións destacaría?
-A miña teima é ver concluídos os proxectos que se van conseguindo. Hai unha demora inasumible dende que che prometen unha actuación ata que esta chega a ser utilizada polos veciños. Agora mesmo temos comprometidas grandes actuacións e, entre elas, destacaría o edificio multiusos de O Viso, a escola infantil de Lamas de Castelo ou a transformación en sede social da lonxa de O Pindo. Todas estas obras comezarán este ano, pero eu quixera que xa estivesen rematadas.
-¿A que actuacións deron prioridade neste tempo?
-Dedicamos as aportacións recibidas, os fondos propios que puidemos xuntar e os plans estatais a poñer definitivamente en funcionamento a rede de depuración de augas residuais. Agora o saneamento chega á maioría das localidades. Temos outro proxecto: conectar O Pindo coa depuradora de Caldebarcos. Estanse a mellorar os accesos, tanto locais como os que nos comunican con outros municipios. Así, teño que mencionar a mellora da estrada da montaña.
-Cando se fala de problemas económicos, Carnota está entre os máis endebedados.
-Herdamos unha situación económica caótica. Agora estamos algo mellor, pagamos a provedores e tamén aminoramos a carga financieina, pero a situación aínda non é boa. Nós, a austeridade orzamentaria xa a principiamos ao comezo do mandato. E, incluso, renunciamos a actuacións se o Concello tiña que cofinanciar o desenvolvemento das obras programadas.
-¿Cales son as súas principais inquedanzas de cara ao futuro de Carnota?
-A concentración parcelaria e acadar, canto antes, un plan de ordenación municipal axeitado ás necesidades da nosa xente. No tema da concentración parcelaria, prometéronme axilizala ao máximo. Polo que atinxe ao PXOM, convocarei en breve a todos os grupos políticos coa pretensión de consensuar unha norma.
-Non podemos rematar sen que me xustifique a súa decisión de non apoiar a declaración de monte Pindo como parque natural.
-Eu non me opoño a tal catalogación. O que digo é que temos que ser nós, os carnotáns, os que decidamos o que queremos facer co noso territorio. Nunca apoiaría unha proposta que puxera en perigo a riqueza natural destas terras, pero gustaríame que fósemos capaces de rendibilizar ese patrimonio. De poder sacarlle proveito social, pero tamén económico mediante tarefas e actuacións que garantan un desenvolvemento equilibrado e sostible destas terras.