O papel das mulleres durante a transición española cobra protagonismo en Ribeira


ribeira/la voz.

Como o seu título di, a exposición Mulleres , que desde hoxe pode verse no auditorio municipal de Ribeira, está dedicada ao sexo feminino. Trátase dunha colección de instantáneas realizadas pola fotoxornalista Marisa Flórez que constitúe un mosaico de imaxes que teñen como protagonista ás mulleres na época da transición española.

A mostra, patrocinada pola Deputación da Coruña, está integrada por corenta fotografías en branco e negro coas que, segundo sinala o presidente do ente provincial, Salvador Fernández Moreda, no texto introdutorio do catálogo, se pretende «render unha merecida homenaxe a todas aquelas mulleres, de diferentes sectores sociais, que contribuíron a facer de España un país mellor, máis xusto e solidario».

De feito, co obxectivo da súa cámara, Marisa Flórez capturou imaxes de diferentes tipos de mulleres, desde xitanas ata artistas, pasando por escritoras, traballadoras ou reclusas. Todas elas compoñen o abano dos personaxes femininos que protagonizaron un dos momentos máis importantes da historia de España, o comezo do espertar das liberdades.

Familia real

As persoas que se acheguen ata o auditorio municipal de Ribeira estes días terán ocasión de ver, por exemplo, á infanta Cristina conversando con Lady Di e á Raíña Sofía en varios actos, saudando a María Zambrano ou visitando a Teresa de Calcuta, entre outros actos de carácter social.

Artistas

Entre as artistas de recoñecido prestixio que Marisa Flórez retratou están Lola Flores, Sofía Loren, Rossy de Palma, Sara Montiel, Isabel Pantoja, Candela Soto, Cristina Hoyos ou Lola Herrera. Todas elas, en ámbitos diversos, dentro da interpretación musical ou cinematográfica, marcaron estilo e tiveron unha grande repercusión. Tamén destacan nesta mostra unha serie de imaxes pertencentes ao cárcere de Yeserías, na que estiveron presas moitas mulleres durante a ditadura franquista.

Trátase de instantáneas que destacan pola súa beleza e calidade, pero tamén pola información que transmiten, pois constitúen unha especie de secuencias que conforman un anaco da historia reciente de España. Os rostros que aparecen nas imaxes constitúen un exemplo de diversas circunstancias que se viviron nun país que iniciaba con moita ilusión unha nova etapa.

Os traballos de montaxe da exposición concluíron o pasado luns, polo que o público interesado xa pode pasarse polo auditorio ribeirense para contemplar unha colección que fan posible a Deputación Provincial e o traballo de Marisa Flórez.

A sala na que se amosan estas imaxes abre de 11.00 a 14.00 horas, de luns a venres. A maiores, os martes, mércores e sábados, está tamén aberta entre as 19.00 e as 21.00 horas.

Está previsto que a inauguración oficial desta mostra, por parte de autoridades locais do municipio, teña lugar esta tarde, ás 20.30 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

O papel das mulleres durante a transición española cobra protagonismo en Ribeira