O último xastre de Ribeira

Adriana Baamonde RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Manolo García é un artesán que leva toda a vida dedicándose a un negocio que na actualidade está a piques de se extinguir

13 ago 2010 . Actualizado a las 11:44 h.

Manolo García Pérez rexenta a última xastrería que hai en Ribeira. Este artesán lévao no sangue. Seu avó pertenceu á sección de artesáns de UXT no ano 1936 e, máis tarde, foi seu pai quen continuou co negocio familiar. Hoxe, el é o último eslavón dunha cadea, e espera que a situación desta profesión cambie.

Manolo García é un ribeirense que leva dende os 17 anos traballando como alfaiate. O negocio comezou co seu avó, quen foi o primeiro en coller a agulla e o dedal para comezar a facer roupa a medida. Máis tarde, foi seu pai quen tomou o relevo. Desta maneira, a Xastrería García leva máis de sesenta primaveras aberta na cidade barbancesa. Os anos de experiencia avalan o seu saber facer, e moitos clientes satisfeitos son a mellor proba de que as súas mans son das máis destacadas da comarca.

A súa formación comezou no ano 1967, cando despois de anos de práctica no taller familiar, seu pai decidiu envialo a Barcelona, á escola da Xastrería Rocosa, onde obtivo o título de xastre.

Máis tarde, despois de anos traballando, no 1975, quixo prosperar dentro da profesión, e para iso obtivo o título de Patronaxe Industrial, xa que segundo el: «Neste negocio, como en todos, hai que ir aprendendo, moverse, estar ao día e poder ofrecer o mellor ao cliente. A reciclaxe profesional é moi importante para realizar un bo traballo».

Experiencia

Para el non só se aprende dentro dos libros, a experiencia é moi importante, sobre todo nun oficio artesán. «Cos anos desenvolves unha especie de sexto sentido. Cando ves ao cliente comezas a imaxinar a mellor opción, a tea máis adecuada, e sabes como darlle o mellor toque».

A súa profesión é algo máis que coser ou tomar medidas. Para este ribeirense, a xastrería é unha auténtica arte, que non só conta coa anatomía da persoa, senón que tamén ten moita influencia a parte psicolóxica do cliente: «Cando unha persoa pide un traxe, non quere algo que o vista, quere algo que o faga sentir ben. Sería imposible traballar só tomando medidas. Cando vexo unha tea comezo a debuxar dentro da miña cabeza, a darlle forma, e logo sei como lle pode sentar ao cliente, se lle favorece ou non».

Considera que a súa profesión co paso dos anos acabará sobrevivindo só nas grandes urbes. A escaseza de axudas por parte da Administración para a formación de aprendices e, sobre todo, a falta dunha escola ou lugar onde ensinar aos novos talentos -xa que un artesán non podería traballar e supervisar ao mesmo tempo-, fan que esta profesión estea en serio perigo de extinción.

Se alguén lle preguntase os pros e os contras de dedicarse á xastrería ou, se volvería dedicarse ao mesmo, García contestaría, sen dubidalo nin un só minuto: «A miña profesión é moi bonita, é certo que é moi escrava, pero hai que saber gozala. Saír á rúa e apreciar os diferentes modelos, os distintos materiais. Deleitarse con cada prenda. É deformación profesional, eu saio e observo como vai vestida a xente, para inspirarme».