«A da defensa do galego vai ser unha longa noite con moita loita»

María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O decreto a favor do plurilingüismo fixo reaccionar a este mestre, que considera que chegou a hora de garantir o uso da lingua nai en todos os eidos

09 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Domingos Campos (Outes, 1946) é un mestre retirado con 38 anos de docencia ás súas costas. O último instituto no que traballou foi o San Alberto de Noia. Cofundador dos premios Leixaprén, na actualidade é o responsable comarcal da plataforma Queremos Galego de Muros e Noia.

-¿Que o levou a estar no cargo que agora ocupa?

-Todo xurdiu a partir do Decreto 124 a favor do plurilingüismo, no que se regula a promoción do galego no ensino. Ante un decreto inxusto coa lingua, en contra dos dereitos recollidos no Estatuto e na Constitución, comezaron a xurdir os rexeitamentos, entre eles, os de Queremos Galego . Na área de Muros e Noia había bastante xente que apoiaba este proxecto, tamén dentro do eido político. Un día, no salón de plenos do concello de Noia, decidimos organizarnos, aí foi cando me nomearon voceiro.

-¿Que iniciativas están levando a cabo dende a plataforma na zona ?

-Nestes momentos estamos a piques de culminar a primeira fase. Ata o de agora, estivemos recollendo sinaturas nos concellos de Porto do Son, Noia e Lousame para presentalas como iniciativa lexislativa popular. De momento, contabilizáronse dúas mil sinaturas, pero o reconto aínda non rematou. Estimamos que podemos chegar ás tres mil. Por outra parte, tamén estivemos indo polos colexios da zona para buscar apoio. Esta fase rematará o próximo día 18, cando se presente ante os medios o Manifesto a prol da Lingua e o libro En castellano no hay problema , obra de Carlos Callón.

-¿Que relación ten esta obra coa plataforma?

-Nesta obra fálase de certas situacións de desvantaxe nas que se atopa a lingua galega respecto ao castelán, na rutina diaria en Galicia. A obra expón cuestións como as seguintes: ¿Por que existe o medo a que un currículo presentado en galego non sexa lido? ou ¿por que redactar documentos para a xudicatura en galego implica un custo a maior cá redacción en castelán?

-¿Quen pertence á plataforma Queremos Galego?

-Hai un total de 600 entidades que apoian á plataforma. Ademais diso, contamos co apoio de intelectuais, persoas do mundo da cultura e xente do eido político. En realidade, Queremos Galego é unha plataforma que non quere ningunha vinculación política, de feito gustaríanos acoller a xente de todas as ideoloxías. Desde certos sectores, estase estendendo a falacia de que a nosa é unha loita nacionalista, pero iso non é verdade. Un exemplo pode ser o meu caso. Eu non son do Bloque, mais defendo os dereitos dos galegos a usar en todos os eidos a súa lingua materna, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.

-¿Como é a reacción da xente ante as iniciativas da plataforma?

-A reacción da xente sorprendeume gratamente, pódese dicir que, en xeral, é unha reacción positiva, tan só hai que ver como se encheu a praza do Obradoiro de manifestantes ante as nosas convocatorias. Por outro lado, contamos cun escrito, asinado por cinco mil docentes, no que se comprometen a non deixar de impartir as súas materias en galego. Xa nun eido máis local, que é o que abrangue o meu cargo, podo dicir que houbo unha reacción moi positiva dende os centros de ensino, especialmente nos concellos de Noia e Muros.

-¿Como ve o futuro?

-Eu penso que a da defensa do galego vai ser unha longa noite con moita loita. Nestes momentos hai que prepararse para os conflitos que veñen de camiño. O importante é que as institucións máis prestixiosas do país -o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou o Consello Consultivo da Xunta de Galicia- saíron na defensa do galego e dos galegos. O que nos queda é seguir loitando para que algún día a lingua galega estea normalizada por completo.