«Non se pode mandar facer as cousas sen dar exemplo»

La Voz

BARBANZA

13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Castro Marcote fixo Maxisterio e Turismo na Coruña, despois de que empezara a estudar Arquitectura, que deixou ao comprobar que non era o que buscaba. Acada as dúas carreiras a un tempo e marcha a Londres onde traballa de camareiro e aproveita para aprender inglés. Desde alí vaise a París para traballar en Eurodisney. Logo, a Berlín. Despois de oito meses, fixa Tenerife como novo destino. Cando regresa a Galicia faino para traballar en Turgalicia, ao tempo que fai un máster sobre turismo. É precisamente nesta etapa formativa cando é captado por Gonzalo Gurriarán, responsable do hostal, que lle deu un aire distinto ao establecemento. Castro acaba sendo un dos directores máis novos de Paradores en todo o Estado español.

-Ten vostede unha traxectoria en Paradores vertixinosa.

-Comecei a traballar en 1996, primeiro de comercial e logo de subdirector. No 1999 chego a director en funcións, onde continuo ata outubro do 2000, que é cando me encomendan inaugurar o Parador de Vilalba, recentemente reformado. No ano 2003 envíanme a Monforte de Lemos para abrir o novo establecemento da rede; e no 2007 tócame facer o mesmo en Santo Estevo de Ribas de Sil. En xullo do 2008 regreso ao Hostal. -¿Despois dese periplo profesional volveu con forzas para dirixir o emblemático establecemento de Santiago? -Aprendes moito con toda esta actividade. Poñer a funcionar novos establecementos non é nada doado porque estás probando constantemente novas fórmulas ao tempo que segues os procedementos xa predeterminados. Cando comecei no Hostal no ano 1999 coincidiu co Xacobeo, ano de moitísima actividade, predecesor do 2000 no que Santiago se convertera en Capital Cultural de Europa. A miña actividade naquel momento como director centrouse en sacar os servizos para diante e procurar que saíran ben. Daquela aprendín que o equipo é fundamental. E tiven a sorte de ter un grupo de traballo excepcional. Sempre digo que o equipo do Hostal ensinoume moitísimo. -Suponse que o equipo tamén se fixa no exemplo dun. -Non se pode mandar facer cousas sen dar exemplo. Eles empurráronme tamén a que dera exemplo. Logo xa, co tempo, vas collendo máis táboas, sobre todo no campo da xestión, de recursos humanos, de custos, ratios de efectividade na produción. Pero se non hai unha boa xestión de recursos humanos imos mal.