Unha moza noiesa gañou un premio do certame Prensa-Escola cunha entrevista a Méndez Ferrín

María Hermida
María Hermida NOIA/LA VOZ.

BARBANZA

05 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As escolas, os institutos... Todos eles soen estar cheos de boas plumas; de rapaces que gozan con iso de escribir. Moitas veces, ese gusto polas letras non chega só. Para que floreza, é preciso que os docentes se impliquen e poñan en marcha proxectos capaces de engaiolar ás mentes adolescentes. Iso ocorre no instituto Campo San Alberto de Noia, onde arredor da creación da revista Entre pontes se foi implicando a todo o alumnado na escrita. Seguramente, ese labor educativo, ao igual que o bo facer da rapaza, tiveron bastante que ver con que a alumna Uxía Silva, de 4º da ESO, gañase, na sección de entrevistas, o premio á mellor xornalista xuvenil do programa Prensa-Escola de La Voz de Galicia, que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Uxía Silva empeza dicindo que ela non estivo soa ao preparar esa entrevista que a fixo gañadora dun ordenador portátil. Lémbrase da profesora María Josefa Lorenzo, que se encargou de axudala, ao igual que os outros compañeiros de grupo, xa que se tratou dun dos moitos traballos que se fan no marco da revista. Logo, Silva fala do traballo en si. Conta que decidiron facerlle unha entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), porque «estábase a falar de moitas cousas arredor do galego, e pareceunos que era moi boa idea falar con el».

Na Real Academia Galega

Mestra e alumna conseguiron visitar a Real Academia Galega para falar con el. Ambas recoñecen que o sitio impresiona, pero que todo cambia cando un empeza a falar con Méndez Ferrín. «É tan afable e tan sinxelo que un séntese moi cómodo, a Uxía pediulle que o tratase como se fose o seu avó», lembra a mestra. «Pareceume moi fácil falar con el, non me puxen nerviosa porque el era moi normal, como ti ou coma min», di a a rapaza, que ten 16 anos e é da zona noiesa de San Bernardo.

Ao parecer, trala entrevista, na que a moza lle preguntou como se sentía despois de ser seleccionado para o Premio Novel de Literatura -ao que Ferrín contestou que se deu conta de que nunca se poderá gañar un galardón así escribindo en galego- ou o papel que vai ter na RAG, Méndez Ferrín conversou longo e tendido coas invitadas. Pediulles que lle dixesen como se apelidaban, analizou o significado e comentoulles que, a través deses segundos nomes, eran portadoras da historia de Galicia.

Sen dúbida, o traballo que logo presentou ao certame Uxía Silva, e polo que hoxe recollerá o seu galardón-a mestra tamén será premiada cunha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a Oporto- aglutina moi ben esa emotividade que deberon sentir alumna e mestra na visita á Real Academia Galega. O traballo tamén inclúe un repaso polas obras dun dos creadores más importantes do panorama literario galego.

Onte, a mestra, María Josefa Lorenzo, lembraba que este ano todo o labor que se está facendo en torno á revista está dando moi bos froitos, xa que os alumnos tamén chegaron lonxe noutros concursos. Por descontado, cando a publicación do instituto saia á luz no mes que vén, a entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín ocupará un posto de honra. Ao parecer, mentes escoitaba falar ao ilustre Ferrín, Uxía Silva descubriu que lle gusta o xornalismo e que a lingua que de momento usa soamente de cando en vez, é dicir, o galego, é moi bonita: «Decateime de que tiña que falar algo máis galego, e si que me gustou facer de xornalista porque aprendes cousas novas e coñeces a moita xente».