O OlloBoi xa ten gañadores

M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un grupo de alumnos do instituto Leliadoura fíxose co primeiro premio do certame promovido por Rodaxe

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Corenta foron os traballos que tivo que analizar e valorar o xurado da segunda edición do festival audiovisual galego OlloBoi. Este certame está promovido polo grupo Rodaxe, formado por mestres de diferentes centros educativos da comarca. O colectivo contou nesta ocasión coa colaboración do departamento de normalización lingüística do instituto Leliadoura.

Foi precisamente unha cinta presentada por un grupo de alumnos deste centro a que se fixo co galardón máis importante do certame, o premio Rodaxe. Raquel Jallas, Jonathan Vázquez, Héctor Riveiro e Mary González son os creadores de O doutor , a curta gañadora.

Outro dos galardóns, o Impinxidela, concedido ao mellor traballo feito en lingua galega, foi para O gato con fame . Trátase dunha curta de animación realizada por Pablo Lado Vidal na clase de cultura audiovisual do bacharelato de Artes do instituto Praia Barraña de Boiro.

O terceiro dos premios que establecían as bases do concurso era o OlloBoi do público, é dicir, o concedido polas persoas que visionaron e votaron a través de Internet. Neste caso, o galardón foi parar ás mans dun grupo de alumnos do instituto Pintor Colmeiro de Silleda, pola cinta Galegando Lipdub .

Valoración positiva

O grupo Rodaxe fai unha valoración moi positiva desta segunda edición do certame e ten claro que a iniciativa terá continuidade no futuro: «Os datos son alentadores, tanto polos corenta traballos audiovisuais que se presentaron como polos setecentos votos que se recibiron a través de Internet», explicou unha das integrantes do colectivo, Ana Moreiras.

Aínda que é cedo para falar do que acontecerá na terceira edición do concurso, Moreiras sinalou que o obxectivo é, non só seguir adiante coa iniciativa, senón darlle máis relevancia: «Estamos en contacto con varias empresas que están interesadas en participar economicamente na experiencia, polo que poderiamos incrementar a contía dos premios e darlle máis publicidade».

Do que se trata é de que se presenten máis traballos, xa que o certame está aberto a todos os afeccionados ao audiovisual. Nesta ocasión, os premios foron vales de cen euros para gastar nas tendas colaboradoras.