Recitais e mostras relacionados coa literatura galega ocupan o programa cultural de maio en Ribeira

La Voz RIBEIRA/LAVOZ.

BARBANZA

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Máis dunha ducia de actos de toda índole, pero sempre vinculados coa expansión da cultura, servirán para conmemorar no municipio de Ribeira o Mes das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Uxío Novoneyra.

Dentro do programa inclúese a conmemoración do Día das Nais cun festival a cargo da Asociación Aires da Dorna. A entrada é libre e terá ao auditorio como escenario. Pola súa parte, mañá, e no mesmo espazo, celebrarase un festival solidario en beneficio de Haití que organiza Unicef Ribeira. A entrada custa 5 euros e a hora de comezo son as 19.30 horas.

Outro bloque da programación ten como destinatarios aos alumnos dos diferentes centros educativos de Ribeira. Este apartado arrancará o martes cun recital comentado de Uxío Novoneyra a cargo de Darío Xoán Cabana e dirixido ao alumnado do terceiro ciclo de Primaria. Terá lugar no auditorio municipal.

Narrativa

O mércores Antón Lopo pronunciará a charla Uxío Novoneyra, a distancia do lobo, destinada a alumnos do segundo ciclo de secundaria e celebrarase ás 11.00 horas no Auditorio. Tamén ás 11.00 horas terá lugar o día 14 o recital poético Ventos, a cargo de Pífano Teatro ao que asistirán alumnos de primeiro do ciclo de secundaria.

O 19 de maio a partir das 11.00 horas celebrarase unha sesión de contacontos desenvolvida pola compañía Duendesico que levará por título O Colleiteiro de Pensamentos. Ademais, no mesmo acto entregaranse os premios do Certame Literario Uxío Novoneyra, integrados por lotes de libros, material didáctico e diplomas.

Por último, o día 20 na biblioteca municipal terá lugar o obradoiro literario Ti Contas, a cargo de Jaureguizar.

Ademais haberá unha mostra dedicada a todos os autores das Letras Galegas que será exhibida no auditorio ata o 31 de maio. Estará aberta ao público de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e os martes e mércores dende as 18.30 horas.