Cousas de animais

BARBANZA

Tamén a min me parece de hipócritas dicir que se se suspenden as touradas a raza do touro de lidia desaparecerá. Os que fomentan as corridas ¿fano por amor ó touro ou ó negocio? Digo eu que un touro outro mérito terá ademais do de morrer torturado e burlado entre vivas e olés (por certo, o rabo de touro é unha exquisitez).

Temos no noso grupo un amigo cazador que sempre pregoa que el, co que paga pola licenza, axuda máis á conservación da fauna ca outro amigo que se define como ecoloxista, e a cotío lle está recriminando que co repoboamento dos cazadores vai o comido polo servido. Os dous aman moito ós cans, aínda que ningún deles os trata como se fosen meniños idiotas ou mexericas, como fai a miña veciña co seu pequinés Lulú : «haz la caquita en el periódico, anda, que total siempre dice lo mismo».

Un destes meus amigos ten o bo costume de agasallarnos unha vez ó ano cun par de arceas que son unha gloria no prato, o outro como moito, só nos gorenta cunha exhibición das posibilidades acrobáticas e de submisión que teñen os seus animais, pero como eu son un pouco insidioso con eles, por ver quen, coa súa afección, lle aporta máis á ecoloxía e á humanidade, estoutro día o amigo ecoloxista mandoume un amplo informe sobre as virtudes dos animais para socorrer e axudar ás persoas, desde a famosa ra de santo Antón, que algún día daba os partes meteorolóxicos subindo e baixando por unha escada, ata esa marmota californiana que advirte do que queda de inverno con só mirar a propia sombra.

O certo é que iso dos animais adiviños é vello, pois xa os romanos usaban as aves para pedir consello nos oráculos de Zeus, ou no templo de Cibeles, onde segundo elas cantasen, croasen ou piasen a sacerdotisa podía interpretar tales falas e dicir que lle ía suceder ó devoto que acudía a pedir consello en tal santuario.

Na nosa terra non somos menos, e da observación dos corvos adivíñase se vai haber algunha desgracia na veciñanza, escoitando ós galos que cantan antes da media noite sábese se algunha bruxa anda preto, e se a galiña se pon con voz do seu macho, o dono do galiñeiro sabe que un revés vai acontecer na familia se antes, para esconxuralo, non se fai pasar á ave por debaixo dunha cadeira recitando unha fórmula do tipo: Pasa mala cousa, pasa, cunha panca por riba da casa. Ou cando a moza quere saber canto tempo lle falta para casar, só ten que ir a onde ande o cuco e preguntarlle: señor cuco, cuco rei, ¿cando casarei?. E o cuco, diralle os anos que faltan por medio das cucadas que cante.

Son agoiros de aves que agora, cando están facendo os niños me acordan, pero no informe do meu amigo ecoloxista fálase, sobre todo, dos cans que algúns médicos xa están usando para detectar tumores canceríxenos sen necesidade de lle aplicar ós pacientes ningunha das molestas análises que se soen empregar, tal para detectar o cancro de pulmón, de mama, de pel ou de próstata. Incluso para detectar as baixadas de azucre, avisando así ó paciente se ten que tomar medicamento preventivo.

Despois de ler o detallado informe de desagravio con que este amigo me honrou, a conclusión a que cheguei foi que a medicina está cambiando, e as agullas, a quen tanto horror lle teño, iranlle deixando paso a sistemas menos agresivos. O malo, para min, vén do pánico que lle teño ós cans, e xa me vexo entrando na consulta do médico que me agarda cun can ó lado, que se aproxima, me ule de arriba a baixo e logo, cun par de bouradas, o galeno, como a pitonisa de Cibeles, interpreta e esténdeme a receita: «Tómese un litro de mel con limón que está incubando unha gripe». Como dicía a zarzuela «la ciencia avanza que es una barbaridad».