Análise da economía muradá

Domingo Guerra examina na súa nova publicación a situación financeira, produtiva e laboral do municipio


O economista Domingo Antonio Guerra París ven de sacar á luz a obra A actividade económica muradana, unha visión subxectiva . O salón de actos da casa da cultura de Muros serviu de escenario para a posta de longo desta creación económico-literaria, constituíndo todo un acontecemento na vila, como quedou de relevo pola cantidade de veciños que acudiron á presentación, abarrotándose a sala.

Domingo Guerra, fillo dunha das familias vinculadas ao mar máis coñecidas no pobo, non tivo reparos en lembrar esa procedencia, e máis aínda en manifestar o seu orgullo de nacer na vila e de ser fillo da finada Tomasa da Florera, a quen dedica a publicación. A súa actual profesión, coma técnico no Consello de Contas de Galicia, foi outra mención que fixo, e que, segundo afirmou, lle facilitou parte do traballo deste libro.

A obra ven ser un compendio realista da situación socioeconómica no municipio muradán nos últimos anos. Datos fehacientes, contrastados e realistas amosan o devir da evolución da economía deste concello, dende o ano 2000 ata a actualidade. Pero, segundo dixo o autor, a economía dunha localidade sempre ten moito que ver coa situación da súa poboación.

Aspecto humano

Nesta obra, Guerra, ademais de reflectir con díxitos aspectos relacionados co emprego, a riqueza, a industria, e as carencias neses eidos; así como varias valoracións referentes ás potencialidades de desenvolvemento da bisbarra, tamén fai un estudo e unha valoración sobre as xentes que viven neste territorio.

É na parte valorativa da obra na que o seu autor estima que puidera haber postulados diferentes aos que el expón, e por iso decidiu engadir ao título Unha visión subxectiva . Sen embargo, o autor dixo: «Non quixen ser autocomplecente coa situación actual, nin deixarme levar polo amor que teño a este Concello. Por iso, penso que ás veces puiden esaxerar na miña crítica».

Pese a tratarse dunha obra dun economista, a lectura do libro é amena e o seu contido facilmente entendible. Abondan os datos relacionados con toda a actividade produtiva de Muros, e tamén con aspectos vinculados á poboación. Tal bagaxe de documentación pon de relevo un intenso traballo do autor.

A obra está estruturada en cinco capítulos ou bloques temáticos: aspectos demográficos, participación laboral da poboación, estrutura produtiva, urbanismo e vivenda e a economía pública municipal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos

Análise da economía muradá