«Divulgamos enfermidades e dramas esquecidos»

BARBANZA

Nos últimos anos, esta pediatra do hospital barbancés participou en dous proxectos en Afganistán e Kenia

06 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que é de Cangas, Marian Rodríguez Blanco leva doce anos exercendo como pediatra no Hospital Comarcal do Barbanza. Ao longo deste tempo, compaxinou o seu labor no complexo de Oleiros coa participación en dous proxectos que Médicos sen Fronteiras levou a cabo en Afganistán e en Kenia.

-¿Como naceu o seu interese por esta oenegué?

-Sempre me apeteceu colaborar con oenegués que traballaran en países en vías de desenvolvemento. Primeiro formei parte dunha organización universitaria coa que viaxei a Camerún e, cando xa estaba traballando, decidín unirme a Médicos sen Fronteiras. Fixen un máster de medicina tropical en Barcelona e logo ofrecéronme o primeiro traballo en Afganistán, onde estiven entre o 2002 e o 2003. Despois, no 2005 e no 2006, estiven en Kenia.

-¿Cal foi a súa misión?

-Foron dous proxectos completamente distintos. En Afganistán traballei no eido da atención primaria. Hai que ter en conta que alí non existe un sistema sanitario de carácter gobernamental, polo que nós tiñamos tres clínicas, desde as que faciamos labores de supervisión e de formación do persoal local.

-¿E en Kenia?

-Alí o contexto é totalmente diferente. Si que hai un sistema sanitario bo, pero o seu gran problema é o da SIDA, moi complicado de asumir porque o tratamento é caro e de por vida. Unha das miñas funcións primordiais foi a de ofertar tratamento para evitar a transmisión de nais a nenos.

-¿Que conclusións extrae destas viaxes?

-Desde o punto de vista persoal, foron experiencias moi enriquecedoras, xa que me permitiron coñecer outras formas de vida. Puiden ver que se pode vivir con moito menos do que temos nos e ser feliz. Desde o punto de vista profesional, tiven ocasión de traballar en dous eidos cos que aquí teño pouco contacto: xestión de recursos e formación, e transmisión horizontal da SIDA.

-Agora colabora desde Barbanza con Médicos sen Fronteiras, ¿que finalidade ten a exposición que está a circular pola comarca?

-En España desenvolvemos sobre todo un labor de sensibilización, divulgamos enfermidades e dramas esquecidos. Queremos que a xente sexa consciente de que existen traxedias máis alá das que saen nos medios de comunicación.

-¿Ten previsto realizar novas viaxes?

-É unha espiña que teño cravada. Non puiden viaxar nos últimos anos, pero teño de gañas de mergullarme noutro proxecto.