A novela que se inspirou nas andanzas de Pepe, o do Pastor

BARBANZA

«Un tipo listo», de Xosé Monteagudo, presentouse en A Pobra, nun acto que se acabou convertendo nunha agradable conversa

28 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que mellor fonte de inspiración para escribir sobre un desfalco que Pepe, o do Pastor ou, o que é o mesmo, José Rodríguez Casal; o home que orquestrou unha histórica estafa bancaria non hai demasiados anos nas terras compostelás. Pois nel foi en quen pensou o escritor de Moraña Xosé Monteagudo ao empezar a terceira novela Un tipo listo, unha obra que o converteu no gañador do premio García Barros na edición do 2009 e que antonte se presentou na librería Ler de A Pobra, nun acto apadriñado pola asociación cultural Barbantia.

Antón Riveiro Coello, o presidente do colectivo, foi o encargado de presentar ao autor, co que, por certo, coincidiu nos tempos de estudante na Facultade de Dereito. Riveiro lembrou que este home, nacido en Moraña alá polo ano 1965, xa gañara outro importante premio da narrativa galega. Non en van, grazas á novela As voces da noticia, fixérase co Blanco Amor. E antes de impoñerse no García Barros, tamén escribiu a obra Esta historia. Foi o propio presentador o que dou unha das claves para que Un tipo listo, a obra da que tocaba falar o venres, sexa, incluso, ata un manual de luxo para quen queira probar sorte cun desfalco. E é que Monteagudo é traballador de Facenda en Pontevedra, é dicir, que coñece de preto todo ese mundo que acabou levando ao papel.

Á mesma mesa

Trala presentación, sentados á mesma mesa e refuxiados da noite de inverno que ía fora entre as catro paredes da librería Ler -onde, incluso, houbo pinchos-, María Xesús Blanco, Ricardo Losada, Xerardo Agrafoxo e o autor da novela, Xosé Monteagudo, foron quen de converter o acto nunha agradable conversa literaria. Todos eles destacaron que se trata dun libro de lectura fácil que, sen embargo, fai reflexionar aos lectores. E tamén fixeron referencia á maneira na que Monteagudo dosifica e mantén a intriga ao longo de todas e cada unha das páxinas.

De feito, chegouse a dicir que parecía que o autor tiña un plan totalmente preconcibido, e que o acabou mudando ao papel. Sen embargo, el rexeitou esa idea. Dixo que a historia fóra xurdindo pouco a pouco, e que moitas páxinas acabaron na papeleira, cousa que non pasaría se todo estivese atado de antemán. Precisamente, Monteagudo definiuse como un creador que corrixe moito o que fai, ao que lle gusta darlle voltas e máis voltas á súa escrita antes de que esta saia á luz pública.

Antes de que o acto rematase, Ricardo Losada fixo unha confesión. Dixo que o autor de Un tipo listo era un dos tres escritores que máis o engaiolaban da actual narrativa galega. Todo un cumprido.