Pastor Rodríguez sempre estivo relacionado coa cultura barbancesa, de feito foi un dos fundadores de Barbantia.
-¿Que bota máis de menos dende que deixou a vida de mestre-activista cultural?
-Quizais o silencio para ler con tempo. Os paseos pola lagoa de Xuño e Sampedro. -¿Como ve á xuventude do Porto do Son? -Pois é semellante á doutros lugares. A min gustaríame que fose reivindicativa, participativa e responsable, e penso que hai moitos mozos e mozas da vila que o son. -¿Que pode facer un mozo no seu concello? -Ten deporte, cultura, teatro, escolas musicais e deportivas. Proximamente, unha rede wimax que lle vai permitir rematar coa desconexión ás novas tecnoloxías. -¿Considera que o seu concello pode ser un importante centro turístico? -O turismo no noso municipio é un filón que hai que explotar. Os empresarios deben ver de, ao non ter unha industria importante, implicarse neste sector. Temos elementos que poden axudar a potenciarnos. Hai moita segunda residencia, sobre todo de persoas que viven en Santiago ou noutras localidades que nos visitan os fins de semana, festivos e os meses de verán. -¿Con que infraestruturas contan? -Están as sendas polas praias. O castro de Baroña. As rutas dos petróglifos, con máis de 150 xacementos, un patrimonio que hai que desenvolver. Lápidas romanas en Goiáns, Nebra, Queiruga. Temos dúas lagoas, unha de auga doce e outra salgada. A fervenza de Ribasieira. Valores intrínsecos dun concello que está próximo á capital de Galicia e dun aeroporto internacional. -¿Que o levou a entrar no PSOE? -Quizais a xente que mo pediu. Confiar nas persoas. Non hai unha formulación ideolóxica inicial. No primeiro mandato fun como independente. Nas seguintes eleccións entrei no partido por convencemento e porque era o momento, por riba de resultados electorais. -¿Un político ten que estar formado intelectualmente ou non fai falla? -Debería estalo. Sentes a necesidade de aprender día a día. Un concelleiro de cultura, por exemplo, debe estar formado nesta materia. O de facenda, o mesmo. Isto faralle máis fácil o seu traballo e permitirá que os cidadáns acaden un mellor nivel de vida.