«Defendo o meu país, falo e escribo en galego, interésome pola nosa cultura; quero que perviva»

La Voz

BARBANZA

21 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Quen coñece a Xoán Pastor Rodríguez sabe que é home comprometido coa súa terra e defensor da lingua galega.

-Alcalde, ¿que entende por galeguismo?

-Unha forma de entender o país que debería unirnos a todos, aínda que teñamos matices ideolóxicos diferentes. Amor ás nosas cousas, principalmente á lingua galega, sen pecharnos ás boas ideas que veñan de fóra. -¿Vostede é galeguista? -Modestamente procuro selo. Defendo o meu país, falo e escribo en galego, interésome pola nosa cultura; quero que perviva. -¿Que lle gustaría ser de maior? -Vello. Chegar a esa idade. Ser un lector empedernido como o era antes de estar neste período da vida. -¿Vai ao cine? -Vou. Vexo películas infantís co meu afillado e a miña muller, e as clásicas, aínda que neste momento o cine non nos dá grandes alegrías. -¿Por onde camiña agora no campo do ensaio? -Teño para rematar un ensaio sobre o Quixote en Galicia. Estou pensado sacar a segunda edición de Escritores do Barbanza. Nesta comarca houbo e hai unha ampla riqueza nos eidos da literatura, do ensaio, do xornalismo, da investigación, da arte... -¿Fala de Paio Gómez Charino, Castelao, Rafael Dieste, Valle Inclán ou está nomeando alguén máis? - Moitos máis: Francisco Calo Lourido, Xerardo Agrafoxo, Aurora Marco, que xa é tamén do Son, Nacho e Alfonso Costa e centos máis. -Cando digo Tahúme? -O paraíso está alí (amósame o seu móbil cunha foto sacada desde o cume no que se divisa dende Fisterra até Corrubedo, Carreira, Sagres, Sálvora, as Cíes...) -Nebra -Hai moitos restos, sarcófagos suevos incluso. Posiblemente fose unha vila romana importante. O pazo de Nebra era tan importante no seu tempo que ben merecería un tratamento especial. Expoñía o padre Calo que un parador de turismo para Nebra sería un privilexio.

- Goiáns. -Estou convencido que houbo unha vila romana no lugar ou nos arredores da igrexa. Hai constancia e fotos de anacos de mosaicos que nos levan a pensar isto.