A remodelación da fachada marítima sonense

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría

BARBANZA

14 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Porto do Son dedícase a traballar, cousa que dubida que fixese o señor Tomé, porque se traballase ou fixese as cousas como é debido, non pasaría o que pasa con Portos de Galicia. E este alcalde quere facer público por que non o recibe o presidente de Portos e por qué o señor Tomé di o que di, ocultando a verdade. E a verdade é esta:

En febreiro do 2009, gobernando a coalición PSdeG-PSOE/BNG na Xunta, asinouse un convenio entre o Concello de Porto do Son, representado por Tomé Piñeiro, e o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga Fernández, para a execución e mantemento das obras de remodelación do bordo interior de Porto do Son. As obras custarían 3.261.013'59 euros e deberían executarse en 16 meses. Un notable investimento para Porto do Son, o que demostra que o goberno bipartito non tiña en conta a cor política dos concellos á hora de facer inversión. Pero o goberno actual do PP non se molesta sequera en explicarlle ao actual goberno do Son que está a pasar con este proxecto.

¿E que está a pasar? Pois algo incrible. Tras asinar o convenio con Portos o 17 de febreiro do 2009, ao «intelixente» de Tomé Piñeiro non se lle ocorre outra cousa que, xa en fase de adxudicación, pedir a modificación ou redefinición dese proxecto o 20 de xullo do 2009. Consecuencia: probable revogación do investimento, supresión do proxecto e perda de máis de tres millóns de euros para Porto do Son. Estes son os feitos que o presidente de Portos de Galicia non quere dicirnos, quizais para non amosar que tipo de xestor era o ex alcalde do PP do Son, Tomé Piñeiro.

Pero este alcalde sabe que o seu deber é aclarar este asunto e seguirá a insistir con Portos de Galicia ata clarificar o que realmente pasou. Este goberno espera que o proxecto para Porto do Son non se revogue e o investimento asinado en convenio se realice para o beneficio de todos os veciños e veciñas do Son.

Non conforme con semellante despropósito, o PP e Tomé, para tapar o desaguisado, atrévense a propoñer en moción unha comisión de traballo sen especificar literalmente para que (nin mocións saben presentar), pero que supoñemos é para a remodelación do proxecto da fachada marítima do Son. O que este goberno quere saber é, por boca do presidente de Portos de Galicia, cal é a situación do proxecto, se o investimento se vai realizar con garantías ou se o sectarismo e o fanatismo político do PP van privar a Porto do Son e aos seus veciños e veciñas dunha actuación concedida aproveitando a ineptitude de Tomé, que cun goberno en minoría e sen permiso da corporación municipal, pediu a modificación do proxecto, que previamente el mesmo atopou correcto cando o asinou o 17 de febreiro e que logo non lle gustou.

Por todo isto, ¿onde está a demagoxia? ¿Quen engana aos seus veciños? ¿Quen os priva dos investimentos que tanto traballo custou conseguir?.