«O galego precisa protección, o castelán non corre perigo»

BARBANZA

A mestra organizou en Ribeira a presentación dun libro que verá a luz hoxe en sesenta vilas do mundo

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Profesora no instituto Número Un e integrante da plataforma Prolingua, Encarna Pego capitaneou a organización do acto que esta tarde terá lugar en Ribeira para presentar 55 mentiras sobre a lingua galega , un ensaio que verá a luz de forma simultánea en máis de sesenta localidades de todo o mundo.

-¿Como se xestou a plataforma Prolingua?

-Foi no verán, cando se soubo que a Xunta pretendía derrogar o decreto de normalización lingüística que xa acadara o consenso, cando unha serie de persoas que estabamos orgullosas da nosa lingua decidimos unirnos. Creamos esta plataforma porque entendemos que o que se pretende é unha volta atrás, unha involución.

-¿Quen forma parte deste colectivo?

-É unha plataforma aberta a todo o mundo que queira defender o galego. Hai máis de duascentas profesións representadas e todas as ideoloxías. O que nos une é o amor pola lingua.

-O libro que se vai presentar hoxe, «55 mentiras sobre a lingua galega», ¿que contén?

-É un ensaio feito por mestres e académicos que nos leva a reflexionar e a poñer enriba da mesa as mentiras que se din para que a xente lle colla xenreira ao galego. Por exemplo, que seu uso no comercio resta clientes ou que falalo dificulta a aprendizaxe de outros idiomas. Son tópicos que neste libro se desmontan con estatísticas.

-¿Tan mal ven a saúde do galego?

-O que temos claro é que o galego precisa protección, o castelán non corre perigo de desaparecer. Hai que promover que os rapaces falen e estuden en galego, e que este idioma non quede relegado a tres hora á semana. Ao castelán xa acceden a través dun montón de soportes, desde os medios de comunicación e Internet ata os documentos públicos.

-¿Tamén en Barbanza a situación do galego é crítica?

-Eu penso que si. Hai unha parte da poboación que fala galego, pero trátase sobre todo dos labregos e dos mariñeiros. Nós vemos que nas aulas se emprega maioritariamente o castelán e que esta é a lingua na que pensan. Iso non é malo, pero queremos que tamén collan soltura no galego e que non o vexan como un idioma de segunda categoría.

-Prolingua presenta o seu libro de xeito simultáneo en todo o mundo, ¿para darlle máis publicidade?

-Primeiro pensouse en facelo nas sete grandes cidades de Galicia, pero hai mestres de galego en distintas universidades españolas e mundiais que pertencen á plataforma e que tamén quixeron sumarse ao acto. Ao final, a presentación será en máis de sesenta lugares.