«Un país que non garante unha vida agradable á súa xente oferta unha realidade moi dura»

La Voz

BARBANZA

13 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos Callón Torres, a pesar da súa xuventude, semella persoa veterana, pois fala con esa sabedoría que dan os anos, ou a plena dedicación ás causas que se marca cada quen, e a del, unha comprometida defensa do galego dende a Mesa pola Normalización Lingüística, pero el é de Ribeira, e aínda que leva tempo traballando fóra, segue tendo o seu berce presente.

-Aos entrevistados sempre lles pregunto polas paisaxes da Barbanza que máis lle chaman, dígame vostede as súas.

-As dunas de Corrubedo. É o lugar máis fundamental da miña vida. Se o permite a lei, desexo que as miñas cinzas, despois de doar os órganos, se espallen alí. -¿E como ve Galicia un home tan novo coma vostede? -Con preocupación. Hai grupos de poder que non nos levan aos mellores lugares. Vimos como á hora de construír se destruía o litoral. Vexo unha Galicia linda, pero afeada. Temos como exemplo Ribeira, que che rompe o corazón. O urbanismo é a identificación co territorio. Isto é unha mostra máis do custodio. Un país que non garante unha vida agradable á súa xente oferta unha realidade moi dura. -Pois xa me da mágoa preguntarlle pola Barbanza -Ten potencialidades que non se explotan. Ofrece recursos materiais importantes que non se corresponden con seu nivel de internacionalización. ¿Como é que non temos un servizo de tren na Barbanza? Parece unha utopía cando é unha necesidade lóxica para potenciar un transporte de persoas e de mercadorías. O desenvolvemento das rexións e dos pobos pasa por unhas infraestruturas viarias axeitadas que che permitan chegar coas túas mercadorías aos mercados centrais ao mesmo tempo que chegan outros e nas mesmas condicións de calidade das materias que se ofrecen. -¿Vese exercendo a súa profesión de mestre no Barbanza? -Si, véxome exercendo a docencia, pero vexo, tamén, que é máis importante a pedagoxía que os coñecementos. Calquera lugar da Barbanza sería un sitio axeitado para exercer a miña profesión.