«Hai un silencio atroz sobre a obra e o legado de Carlos García Bayón, que é importantísimo»

La Voz

BARBANZA

01 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Á hora de falar de inspiración, Manuel Teira recorre ás súas orixes, tanto xeográficas como sociais.

-Inspírome fundamentalmente na comarca. Son fillo da posguerra e isto, o mesmo que a outros coetáneos meus, afectoume profundamente. Esta comarca practicamente non cambiou desde que os romanos pasaron por aquí. Eu vexo aos meus paisanos traballar no mar, na terra, nas conservas como unha parte máis da paisaxe. Cando me dedicaba a realizar máis arte figurativa, esa parte estaba presente, constantemente, na miña obra. Pouco a pouco fun avanzando cara un expresionismo abstracto onde procuro manifestar que o noso mar, os nosos ríos están sendo violados, maltratados constantemente por nós mesmos. Calquera instrumento me é valido para amosarlle á xente que somos coidadores dun legado que nos deixaron outros que xa o habitaron e se non nos comprometemos no seu coidado ímolo pasar moi mal e peor os que nos sigan. A arte ten que ter esa parte de denuncia para min; e a miña obra é o reflexo do que penso. -¿Houbo algún artista da comarca, en calquera das actividades da arte, que influirá en vostede e na súa obra? Rafael Dieste, Manuel Antonio, Castelao, Carlos García Bayón. -A Bayón trateino. Paréceme un home silenciado. Estamos a falar dun dos periodistas de opinión máis coñecidos e valorados en Galicia. Hai un silencio atroz sobre a obra e o legado de Carlos García Bayón, que é importantísimo e quedou aí. O Concello de Ribeira quedou como depositario de parte dese legado e algo terá que facer con el. Non pode estar esquecido todo ese material. Pero, doutra maneira, eu veño das profundidades, «das profundidades da miseria», dicía Gamoneda. Eu tiven que aprender desde abaixo. Non fun á universidade. Enténdame, non me sinto mal por iso. Só que tiven que realizar grandes esforzos na casa e experimentar para aprender. Hai uns 25 anos nesta comarca existía unha desolación inmensa no mundo da arte. Hoxe vivimos un tempo de luz. Existen escritores, pintores, escultores con grandes capacidades e con obra. Artistas como Manuel Ayaso, Alfonso Costa, Crusat, o meu amigo Crusat. Pola outra banda, síntome identificado con Manuel Antonio, polo que representa como artista de vangarda. Era o home máis moderno do seu tempo en Galicia. Se fose catalán, estou seguro, tería sona universal. Pero no camiño vas topando xente como Avilés de Taramancos co que participei en recitais. Home coa porta aberta para todo o mundo e, como quedou demostrado, cunha calidade literaria impresionante.