Pai e fillo co Puebla no corazón

BARBANZA

Juan Carlos López foi porteiro e adestrador do cadro branquiazul; agora é seu fillo, Rubén, o que leva as rendas do equipo sénior en Segunda autonómica

18 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No mundo do fútbol existe esa especie de lenda urbana que di que os porteiros deben estar algo tolos para poñerse baixo os paus. Sen embargo, Juan Carlos López, Chus , e seu fillo, Rubén, desmontan esta teoría: «Polo xeral, mandamos máis na defensa e somos máis fríos e calculadores, pero nada máis», apuntaron ao unísono.

Juan Carlos ten 53 anos e defendeu os colores do Puebla durante once temporadas. Despois pasou a dirixir ao equipo xuvenil ao longo de seis ligas nas que o fixo campión en tres ocasións. Agora é o técnico de veteranos e tamén do Liceo Pueblense de fútbol sala. Pola súa parte, Rubén ten 30 anos e tamén foi gardameta do Puebla durante oito campañas. Na actualidade compaxina o seu cargo de técnico de Deportes no Concello co o de adestrador do equipo sénior, que lidera o grupo de Segunda autonómica. Tamén conta co título de adestrador de fútbol no nivel dous, é dicir, que pode dirixir a combinados de ata Terceira División. O seu obxectivo agora é sacarse o de nivel tres.

Rubén recoñece que a súa afección polo deporte rei venlle marcada polo seu proxenitor. «Cando era moi pequeno miraba os partidos do Puebla dende o banco cando meu pai era o técnico, e tamén peloteaba cos xogadores nos adestramentos», recordou.

Co tempo, Rubén acabou collendo unhas luvas e púxose como gardameta. O referente futbolístico, obviamente, seu pai: «Sempre me estaba a dar consellos sobre como situarme baixo os paus, como saír a cortar un balón e a ter tranquilidade. Axudoume moito. Unha parte importante das cousas que sei do fútbol llas debo a el», comentou.

Despois de doce campañas en activo, Rubén López decidiu colgar as botas para ser, como fixera o seu proxenitor, adestrador: «Comecei collendo os equipos das categorías inferiores do Puebla onde permanecín tres campañas», dixo.

Caramelo

Sen embargo, este verán a entidade que dirixe Ricardo Ramos ofreceulle un caramelo moi zumarento: levar as rendas do equipo sénior, que viña de conseguir o ansiado ascenso a Segunda autonómica da man de Pepe Cores. «Non o esperaba se lle digo a verdade», sentenciou Rubén.

Ao principio, seu pai foi un pouco remiso a que collera esta responsabilidade: «Pensei que era un reto moi ilusionante, pero non sabía si Rubén estaba o suficientemente preparado para dar ese salto cualitativo, pero cando me dixo que lle ofrecían esta oportunidade e o vin tan seguro, díxenlle que collera o cargo e tirase para diante, que contaría comigo para o que estimase oportuno». Vendo a clasificación, os números parecen darlle a razón a Rubén: seis partidos, cinco triunfos e unha soa derrota.

Pero a vinculación da familia López Pérez co Puebla vai moito máis aló dos terreos de xogo. O avó de Rubén, José Luis Pérez Rego, foi un dos fundadores do club no ano 73, xunto a xente como Eliseo Escurís. «Somos unha familia que se pode dicir que levamos ao Puebla no corazón e que damos todo o que temos por facer desta entidade un referente deportivo», sinalou, Juan Carlos López.